Cal é o Concello galego onde hai máis Bens de Interese Cultural (BIC)? E ten 41!

Hai case un cento de municipios en cuxo territorio non hai ningún elemento con esta declaración. Consulta aquí cantos hai no teu concello

Petróglifos sabaxáns mondariz foto xunta
photo_camera (Foto: Xunta da Galiza)

Os Bens de Interese Cultural (BIC) son aqueles bens móbeis, inmóbeis e inmateriais máis sobranceiros do patrimonio cultural da Galiza, declarados por decreto do Consello da Xunta da Galiza. Após a súa declaración ou recoñecemento, inscríbense no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galiza, onde se recollen, entre outros, os datos relativos á súa identificación e localización, así como outros de interese para a súa protección.

O Instituto Galego de Estatística publicaba esta sexta feira un mapa co número de BICs que hai por concellos. Son datos correspondentes ao exercicio 2022 e pode consultarse a cifra destes bens municipio a municipio.

En 92 concellos galegos non hai, segundo este mapa, ningún Ben de Interese Cultural. É case 1 de cada 4. Entre eles, municipios como Arteixo (comarca da Coruña), O Vicedo (A Mariña), Rois (O Sar), Bóveda (Terra de Lemos), Salceda de Caselas (Vigo), Padrenda (Terra de Celanova), Oímbra (Verín)...

E cal son os concellos que teñen máis BICs? No mapa e a listaxe que o acompaña figura Mondariz no máis alto da clasificación. Neste Concello da comrca do Condado había, ao finalizar 2022, rexistrados 41 bens de interese cultural. O seguinte que aparece con máis BICs é Cerdedo-Cotobade (29) e Campo Lameiro, con 28.

BICs á venda

A lei estipula no artigo 92. Hórreos, cruceiros e petos de ánimas

1. Son bens de interese cultural e quedan sometidos ao réxime xurídico previsto para ese tipo de bens nesta lei, sen necesidade da tramitación previa do procedemento previsto no seu título I, os hórreos, os cruceiros e os petos de ánimas dos que existan evidencias que poidan confirmar a súa construción con anterioridade a 1901.

Non se poderá autorizar a construción de peches perimétricos, totais ou parciais, a partir dos seus soportes, nin a construción de edificacións ou instalacións acaroadas a eles que afecten os seus valores culturais.

2. Os hórreos, cruceiros e petos de ánimas cuxa antigüidade non poida ser determinada ou que fosen construídos con posterioridade á data sinalada no número 1 poderán ser declarados de interese cultural ou catalogados cando se lles recoñeza un especial valor cultural, principalmente etnolóxico.

3. As actuacións de conservación ou restauración de hórreos declarados de interese cultural ou catalogados realizaranse preferentemente utilizando os materiais e técnicas construtivas tradicionais que correspondan a cada tipoloxía. Nestas intervencións o tratamento e a utilización de material non tradicional deberá ser autorizado pola consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

4. No caso de bens etnolóxicos desta natureza, e tendo en conta a súa tipoloxía e sistema construtivo, o movemento dentro do seu contorno de protección non se considerará un traslado para os efectos desta lei nin implicará unha necesaria modificación da súa delimitación, sempre que se garantan no proceso e no lugar definitivo a significación e a interpretación dos seus valores culturais e que se conte coa autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural.

Comentarios