O correspondente Bruno Carvalho, a historia da Galiza a través do pan e a actualidade da tradición oral protagonizan o ‘Sermos Galiza’

Novo número do semanario, á venda este sábado 4 de maio por 3,20 euros xunto ao xornal 'Nós Diario'

sermos-web

Este sábado, 4 de maio, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana.

Edu Lavandeira mestura na súa recente obra Pan galego (Xerais) a súa paixón pola gastronomía coa súa carreira audiovisual e comunicativa, ofrecendo a través do seu libro todo un mundo de coñecementos sobre o pan do noso país.

O propio autor, despois de ter viaxado por moitos países do planeta, considera o pan galego como "o mellor do mundo" polo seu sabor, textura e humidade, sendo este "un pan especial", tanto pola cantidade de auga presente na súa masa como pola súa laboriosa elaboración.

Alba Regueiro fala con el en O pan galego, os segredos da masa do país, a reportaxe na que afonda neste produto, non sempre xustamente valorado.

André Mauricio entrevista o xornalista Bruno Carvalho. Durante oito meses, o xornalista portugués Bruno Amaral de Carvalho (Lisboa, 1982) estivo informando sobre a guerra en Ucraína desde o Donbás, converténdose en varias fases do conflito no único correspondente de guerra occidental nesa área, desde a que asinou unha vintena de crónicas para Nós Diario, entre outros medios de comunicación, que tamén se reflicten no libro A guerra a leste: 8 meses no Donbass (Caminho), que presentará o 9 de maio en Vigo, o 10 en Compostela e o 11 na Coruña.

“O que máis me impactou foi cando traballei máis tempo en Mariupol ou máis perto da liña da fronte, e foi como os civís tentaban resistir a unha traxedia anunciada todos os días, na que podes morrer en calquera momento. Impactoume moito que en Mariupol tiveran que enterrar os seus familiares na rúa, nas hortas. Impactoume velos facer cruces con materiais produto da destrución, ver xente disparada á procura dos seus fillos e familiares, xente na busca de auga e comida”, confesa.

Brancaflor, Xoán Soldado e otros nomes propios nos contos galegos de tradición oral. Antonio Reigosa A onomástica asociada ao conto folclórico forma parte intrínseca do noso patrimonio cultural inmaterial. Os contos que contamos son resultado dunha demorada decantación de diversas tradicións orais e literarias con ecos das súas orixes e pegadas das diferentes culturas coas que estiveron en contacto. Os nomes propios de protagonistas e lugares onde suceden forman parte da súa portentosa bagaxe.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manu Barreiro achégannos as novidades no sector literario, a comezar por Somos un pobo de artistas, de Xurxo Souto (Xerais, 2024); e Contando estrelas, de Quico (Deputación da Coruña, 2023).

No apartado musical, Olga Brañas analiza o disco Quitar o aire (Raso estudio, 2023), de Caamaño & Ameixeiras. A sección achegamos tamén outras novidades e recentes estreas do panorama musical galego. Aliás, Xaneco Tubío dedica unha reportaxe ao pulo do papel social das músicas tradicionais.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Civil War (EUA, 2024), Sole Felloza lévanos polo patrimonio oral e Lázaro Armental explícanos o porqué de que pavimentar non é decorar.

Pepe Barro en A Biblia da Coruña fálanos da obra que para os ingleses é a Biblia Kennicott, nome que honra o estudoso Benjamin Kennicott (1712-1783), especialista nos manuscritos bíblicos hebreos, persoa que 'descobre' o noso códice e conságrao como peza senlleira dentro dos máis de 700 manuscritos xudeus medievais que estudou en toda Europa.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Comentarios