Kiko da Silva carga contra o emprego do seu nome sen consentimento por parte da Xunta: "Comigo que non conten!"

O artista gráfico denunciou o emprego do seu nome e o das súas empresas por parte da Xunta sen ter o seu consentimento.
O debuxante e ilustrador Kiko da Silva no seu estudo. (Foto: Ana Isabel Rey Lamas).
photo_camera O debuxante e ilustrador Kiko da Silva no seu estudo. (Foto: Ana Isabel Rey Lamas).

O artista gráfico Kiko da Silva mostrou esta sexta feira o seu rexeitamento a unha nota de prensa enviada pola Xunta da Galiza na que a Administración galega facía súa "a participación de 15 das figuras e editoriais máis representativas da banda deseñada galega" no Ficomic de Barcelona, en Catalunya.

"Esta información non é certa, estou no Salón do Cómic de Barcelona, si... pero a viaxe e o hotel pagueimos eu, non a Consellaría de Cultura", sinalou Kiko da Silva a través das súas redes sociais, reprochando que a Xunta empregase o seu nome sen ter recibido ningún apoio institucional por parte da Administración galega.

"Eu vin traballar, vin pechar convidados do festival BDRA Gráfica do Concello de Pontevedra, e a reunirme co músico Roger Subirana porque estamos traballando na BSO da miña próxima Banda deseñada, Baixo a sombra das pedras flotantes", aclarou o artista.

"Retranca Editora e O Garaxe Hermético - Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración- non están representados no stand da Xunta. Non mandamos ningún libro", explicaba ao respecto da publicación da Xunta.

"Nin mercaron os libros"

"Basicamente porque o que ofreceron foi, manda ti os libros (nin sequera os mercaron) e ven a sentarte ao stand da Xunta a facer as cousas que facedes nas feiras do cómic", sentenciaba o artista gráfico galego sobre o ofrecemento da Consellaría de Cultura.

"Onte chamaron da Biblioteca Xeral de Galicia para preguntarme se ía ir a Ficomic (eu acababa de chegar a Barcelona) e comentoume que se ía a estar nos veríamos por alí. Se isto xa o consideran dabondo como para usar o meu nome e o das miñas empresas dende a Xunta é o colmo!", argumentaba.

"Se entenden que eu poña os libros, pague o hotel, o viaxe e as dietas... é promocionar a banda deseñada galega dende a Xunta, comigo que non conten!", culminaba Kiko da Silva na súa protesta por ter o Goberno galego empregado o seu nome sen o seu consentimento.

Comentarios