Luísa Villalta protagoniza o especial 'Sermos Galiza' do 11 de maio, con contidos inéditos

Este número do semanario, de 48 páxinas, recolle fotografías, textos e unha carta inédita da autora homenaxeada polas Letras Galegas 2024.
luisa villata
photo_camera Capa do Sermos Galiza (Foto: Nós Diario)

O sábado 11 de maio Nós Diario chegará acompañado dunha publicación moi especial de 48 páxinas, o monográfico Sermos Galiza titulado Luísa Villalta. Devir comunidade, para afondar na obra, vida, pensamento e compromiso da escritora que este ano é homenaxeada  no Día das Letras Galegas.

O especial está coordinado pola escritora e profesora Marga do Val, que asina o artigo de apertura, titulado 'Luísa Villalta, Materia de Alexandre Bóveda', e conta con sinaturas que forman parte da "comunidade Villalta" como a tamén profesora a escritora Pilar García Negro, que achega a súa intervención na homenaxe a Villalta organizada na Coruña por Galiza Cultura en marzo. Descobre ademais, nesta publicación, unha carta inédita de Villalta.

Alexandrina Fernández Otero e Carme Fernández Pérez-Sanjulián afondan en Os pasos contados, (auto)retrato artístico da escritora comprometida na procura da verdade persoal no proceso de creación. A lectura da obra Os pasos contados reviste un grande interese xa que amplía o perfil teatral da autora. Ao tempo, o texto achéganos o autorretrato artístico dunha escritora comprometida e involucrada na procura da verdade persoal no proceso de creación.

Marica Campo trasládanos ao Viveiro de 1989 e ao abril no Teatro Pastor Díaz para lembrar ese primeiro día en que compartiron espazo nun recital e nun concerto e desde aí até o derradeiro día coa Villalta autora do poema dedicado a Palestina "Debilidade". "Cando alguén querido marcha, á sensación de que afundiu no mar un continente, e nós con el, sucede a aparición dun mundo de illotes a emerxer para que os recordos, náufragos, se aferren ás rochas. A nosa escritora era unha certeza de carne e óso, agora memoria e palabra nada máis. Nada menos", afirma Campo.

Pola súa parte, Xosé M. Álvarez Cáccamo aproxímanos ás claves da singularidade de En concreto: a imaxe visionaria e a ollada expresionista. "titúen claves importantes da singularidade deste libro, unha publicación decisiva no panorama actual da poesía galega", asegura o escritor.

Ana Pillado Vega relátanos ao abeiro da amizade a relación da violinista e da escritora coa familia Pillado Vega. "A música das palabras é a arquitectura básica da casa común. Os seus alicerces: o fondo compromiso coa cultura galega. A amizade é unha casa que torna fogar. Talvez sexa quen de cartografar a luz alí compartida...", conta.

 Francisco X. Fernández Naval achéganos á obra narrativa da autora, asegurando que "a súa obra segue viva e vital, axudándonos a interpretar o tempo que vivimos, emocionándonos", se ben este texto está reservado para aproximar o lector ou lectora á súa obra narrativa.

Ao tempo, Marta Dacosta tráenos lembranzas vividas con Villalta nas reunións da AELG, sobre a súa complicidade feminista. "Solidaria, nacionalista, feminista, comprometida... Participou activamente daqueles anos politicamente axitados e esperanzadores, sabendo que o papel que lle correspondía era o de ser voz do seu tempo, voz que sinala e conciencia. Así escribiu para nós", di.

Paulino Pereiro afonda no emprego por parte da autora de Música reservada da arte musical como referente da comprensión da poesía. "Xa desde o comezo da súa creación literaria, Luísa serviuse da arte musical como punto de partida ao que referenciar a súa maneira de entender a poesía, e non só: axiña acudiu ao apoio da música como principal recurso técnico para a elaboración tanto da narrativa como da obra dramática ou ensaística", relata.

Teresa Seara detense na relación da autora de Rota ao interior do ollo coa cultura portuguesa, pois "Portugal exerceu sempre un forte poder de atracción sobre Luísa Villalta". Así o acreditan, entre outros feitos, a súa presenza nas I Xornadas das Letras Galegas en Lisboa, celebradas no ano 1998, e as colaboracións literarias coas Edições Tema, selo que debuta en 1995 cunha obra da súa autoría.

Por último, da man de María Casar Díaz percorrese na compaña de En concreto e Papagaio a cidade da Coruña, esa cidade que a poeta nos descobre viva. "Na escrita de Luísa Villalta o silencio, xunto coa música é un tecido de seda para a súa poesía. Abéirase ao “concreto” para facerse terra, nube e luz nas fronteiras dos ruídos dos outros e constrúe a Cidade que non estaba nos ollos do poder", incide.

Comentarios