'Xeración Alfa' protagonista do Mes das Letras de Pontevedra

A revista xuvenil de 'Nós Diario' preséntase esta terza feira na Boa Vila
Reportaxes, entrevistas, pasatempos, axenda... todo o contido cultural xuvenil en 'Xeración Alfa' (Foto: Nós Diario).
photo_camera Reportaxes, entrevistas, pasatempos, axenda... todo o contido cultural xuvenil en 'Xeración Alfa' (Foto: Nós Diario).

O concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, presentou esta segunda feira a programación completa de Maio, mes da lingua, un conxunto de actividades construídas ao redor da conmemoración do Día das Letras Galegas, entre as que se inclúen concertos musicais, espectáculos teatrais, certames orais ou presentacións culturais.

"É unha programación moi colectiva, realizada en colaboración con oito entidades pontevedresas que traballan na Boa Vila a prol da lingua”, sinalou Gómez. "Prestaríame destacar que todas fan un esforzo realmente importante para que esta programación poida ser realizada, amosando o seu amor polo galego e por conseguir o obxectivo que todos e todas temos neste caso: que o galego sexa unha lingua normal na Galiza e que a poidamos utilizar en calquera eido".

Dentro do programa, ocupa un lugar especial a presentación en sociedade da nova revista xuvenil Xeración Alfa, que xorde a través da colaboración do Concello de Pontevedra con Nós Diario.

O edil explicou que a revista chegará a todo o alumnado de ensino secundario de Pontevedra, mentres que na súa presentación, este 7 de maio, no CITA, ás 19.30 horas, está prevista unha mesa redonda no que estará a directora do xornal, María Obelleiro; Ana Loureiro e Rafael Ruíz, coordinadores dos catro primeiros números da publicación, e Sara Ferro, compoñente das Fillas de Cassandra, que ocupan a capa do primeiro número da revista.

As páxinas de Xeración Alfa, que sae cunha tiraxe de 6.700 exemplares, conteñen reportaxes sobre sexualidade, sobre saúde mental, sobre emprego das novas tecnoloxías nos videoxogos e na intelixencia artificial ou sobre o veganismo e o consumo sostíbel.

Con fontes como Laura Veiga (Pingando.gal) ou Iria Veiga (Raíña vermella) para ilustrar estes temas e entrevistas a algunha das figuras máis relevantes do panorama cultural galego como Fillas de Cassandra, Belén Puime, Meiga-i, Bruno Arias, Olaxonmario e moitas outras voces que se unen á colaboración con este proxecto para achegar á rapazada un contido en galego xuvenil e de calidade. 

Ao longo das 16 páxinas de cada número, que sairán cada terza feira de maio acompañando Nós Diario, sen ningún importe adicional sobre o prezo habitual do xornal, haberá oco tamén para os pasatempos e a axenda cultural máis fresca, chea de concertos, teatro, humor, exposicións...

Comentarios