A Policía irrompe no campus da Universidade de Columbia (EUA) e detén decenas de manifestantes propalestinos

A acción policial de Columbia ocorre no 56 aniversario dunha actuación policial para sufocar unha ocupación do mesmo lugar, Hamilton Hall, por parte de estudantes que protestaban contra o racismo e a guerra de Vietnam.

policia euacolumbia universidade
photo_camera Plicías entrando no edificio (Foto: Perry Fellwock)

“Onte contra o masacre do pobo vietnamita, hoxe contra o xenocidio do pobo palestino”. A pintada na Universidade de Columbia (Nova York, Estados Unidos de América) tecía un fío entre as protestas universitarias que se produciron nese campus na década dos 60 e 70 e as de agora.

A protesta propalestina que paralizou uns días a Universidade de Columbia terminou na note desta terza á cuarta feira, cando ducias de axentes de Policía equipados con escudos antidisturbios irromperon no edificio ocupado por manifestantes e detiveron decenas de persoas solidarias con Palestina.

A acción policial de Columbia ocorre no 56 aniversario dunha actuación policial para sufocar unha ocupación do mesmo lugar, Hamilton Hall, por parte de estudantes que protestaban contra o racismo e a guerra de Vietnam.

Segundo un comunicado emitido por un portavoz da universidade, axentes da Policía da cidade de Nova York entraron ao campus despois de que a universidade solicitase a súa intervención. Un campamento de tendas de campaña nos terreos do campus para protestar pola guerra en Gaza foi dispersado, xunto coa sala Hamilton Hall, onde un grupo de policías usou unha escaleira para subir por unha xanela do segundo piso. Os manifestantes tomaran a sala unhas 20 horas antes.

 “A decisión de pedir a axuda da Policía de Nova York foi en resposta ás accións dos manifestantes, non á causa que defenden. Deixamos claro que a vida no campus non pode verse interrompida indefinidamente por manifestantes que violan as normas e a lei”.

A Policía impediu o acceso a xornalistas ao edificio para evitar que puidesen gravar ou informar sobre o proceso de desaloxo dos estudantes e a súa detención.

Protestas noutras universidades

A Policía interrompeu noutros campus de Estados Unidos durante as últimas dúas semanas, o que provocou enfrontamentos e máis de 1.000 detencións. Noutros casos, os dirixentes universitarios e os líderes das protestas chegaron a acordos para restrinxir as perturbacións da vida no campus e das próximas cerimonias de gradación.

As protestas en universidades comezaron en Columbia en resposta á ofensiva de Israel en Gaza, que xa matou máis de 34.000 palestinos. Os organizadores das protestas, algúns dos cales son xudeus, din que se trata dun movemento pacífico destinado a defender os dereitos dos palestinos e protestar contra a guerra.

A presenza policial en Columbia manterase ata o fin dos eventos de gradación

Comentarios