Putin viaxará á China esta semana para celebrar os 75 anos do estabelecemento de relacións diplomáticas

Trátase da primeira viaxe ao estranxeiro do mandatario ruso tras a investidura.
Xi Jingpin e Vladimir Putin, no mes de marzo (Foto: Europa Press / Contacto / Xie Huanchi).
photo_camera Xi Jingpin e Vladimir Putin, no mes de marzo (Foto: Europa Press / Contacto / Xie Huanchi).

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, realizará unha visita oficial á China o 16 e o 17 de maio por invitación do líder do Estado asiático, Xi Jinping. Trátase da primeira viaxe ao estranxeiro do mandatario ruso tras a investidura. Pola súa parte, a Chancelería chinesa confirmou esta terza feira que "por invitación do presidente, Xi Jinping, o presidente ruso, Vladimir Vladimirovich Putin, realizará unha visita de Estado á China do 16 ao 17 de maio".

Durante o encontro, Putin e Xi prevén "discutir en detalle toda a gama de cuestións de asociación integral e interacción estratéxica", estabelecer os puntos clave destinados a favorecer un maior desenvolvemento da cooperación ruso-chinesa, e intercambiar opinións "sobre os problemas internacionais e rexionais máis urxentes", informou un comunicado do Kremlin publicado esta terza feira.

Ao concluír as súas conversacións, os presidentes teñen previsto asinar unha declaración conxunta e unha serie de documentos bilaterais. Ao mesmo tempo, Putin e Xi participarán na celebración do 75 aniversario do estabelecemento de relacións diplomáticas e a inauguración dos Anos da Cultura de Rusia e da China.

No marco da súa visita, o líder ruso tamén se reunirá co primeiro ministro chinés, Li Qiang, co fin de discutir cuestións de cooperación bilateral nos ámbitos comercial, económico e humanitario. Ao mesmo tempo, Putin desprazarase até Harbin -a capital e maior cidade de Heilongjiang-, onde participará "na cerimonia de inauguración da oitava EXPO ruso-chinesa e o cuarto Foro ruso-chinés de cooperación interrexional e reunirase con estudantado e profesorado da Universidade Politécnica de Harbin".

Relacións ruso-chinesas

En outubro, o mandatario ruso viaxara á China no marco do Terceiro Foro da Iniciativa da Faixa e a Ruta. Durante as negociacións co seu homólogo chinés, Xi Jinping, Putin volveu destacar o carácter estratéxico da cooperación entre Moscova e Beijing.

En marzo, Xi visitou Rusia por primeira vez en tres anos. Ademais, foi a súa primeira visita desde a súa segunda reelección como presidente da China e secretario xeral do Partido Comunista da China. Os líderes puideron revisar a relación dos últimos 10 anos e sentar as bases para os seguintes. Profundouse a asociación estratéxica integral e o plan de desenvolvemento das prioridades na relación Chinesa-Rusia previa ao 2030.

Por outra parte, ao terminar 2023, o comercio entre ambos os Estados chegou aos 200.000 millóns de dólares, un obxectivo alcanzado moito antes do previsto. Así mesmo, case a totalidade de transaccións fanse en moedas locais (rublos ou iuans) e téñense en marcha 80 proxectos conxuntos de investimento.

Comentarios