Neste mes de maio e pola conmemoración do Día das Letras Galegas e o Día de Internet, a Asociación de Medios en Galego, a provedora de servizos dinahosting e PuntoGal unen esforzos para apoiar o uso do galego na rede a través da iniciativa “Subscríbete ao galego”.
Desde 17 até 31 de maio, as persoas que se subscriban a algún os medios en galego participantes na campaña recibirán un dominio .gal e un hosting totalmente de balde e durante o período dun ano. Este agasallo está valorado en máis de 170 euros.
As persoas usuarias beneficiarias recibirán os seus códigos para obter até 30 de xuño o seu hosting e dominio gratis.
“Nun mundo tan globalizado e marcado polo emprego da tecnoloxía, a Asociación de Medios en Galego, dinahosting e PuntoGal queremos contribuír a un maior uso da nosa lingua na Internet”, indican estas entidades a a través dun comunicado.
Un dominio .gal e un hosting web de balde permitiranlles ás persoas beneficiarias “gozar dunha conta de correo profesional co seu propio nome de dominio e iniciar o seu proxecto web sen necesidade de facer ningunha inversión inicial. Un xeito de impulsar a comunidade de creación de contido en galego e de fomentar a normalización do idioma en todos os ámbitos”.
Ao mesmo tempo, esta campaña supón un reforzo para cada un dos medios que participan. Achégalle valor engadido ás persoas que queiran subscribirse é a mellor forma de seguir gañando base social e de que os medios galegos gañen peso.
Os medios con subscrición que participan nesta campaña son:
radiofusion.gal
praza.gal
nosdiario.gal
luzes.gal
temposdixital.gal
mazarelos.gal
nostelevision.gal
Ademais, apoian a campaña os seguintes medios (que non teñen subscrición):
galiciaconfidencial.gal
codigocero.gal
obarbanza.gal
quepasanacosta.gal
Cerne
A trabe de ouro
gciencia.gal
xornaldacoruna.gal