Ana Miranda quere ser “a voz do agro galego” en Europa

A eurodeputada do BNG participou nun acto en Mondoñedo (A Mariña) no que defendeu os sectores produtivos estratéxicos.

Ana Miranda durante a conferencia en Mondoñedo, na Mariña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Miranda durante a conferencia en Mondoñedo, na Mariña (Foto: Nós Diario).

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, destacou este sábado que o agro galego ten que ter "voz directa" en Europa e asegurou que os sectores produtivos estratéxicos seguirán sendo defendidos polo BNG nas institucións europeas, fronte á defensa que fai o PP dos terratenentes no resto do Estado español.

"Non podemos permitir que desapareza a nosa actividade agrícola", salientou a eurodeputada nacionalista no transcurso da conferencia 'Por un agro galego con futuro', na que participou en Mondoñedo.

No evento, Miranda asegurou que a súa formación avoga “por un rural vivo” e considera que a Política Agraria Común (PAC) debe actuar como mecanismo de apoio directo ás rendas das persoas que traballan na agricultura no rural galego.

Ademais, denunciou que a PAC non ten en conta a identidade territorial da Galiza e as características propias da tradición agraria familiar, sostíbel e de proximidade, propias do agro galego.

"O problema para Galiza é que a revisión da PAC segue favorecendo á gran industria e non se propoñen medidas significativas para mellorar os ingresos das agricultoras e dos agricultores para facilitar a substitución xeracional", criticou Ana Miranda.

Descenso demográfico no rural

Ademais, segundo apuntou, a redución da actividade agrícola é unha das causas do descenso demográfico no rural galego. "O deixamento do Goberno galego do PP chega tamén a este ámbito", denunciou a eurodeputada do BNG, que fixo referencia á "indiferenza do PP" na xestión das axudas á produción ecolóxica.

En concreto, afirmou que, no en 2022, o Goberno galego só asignou 3,18 millóns de euros en axudas, fronte aos necesarios 5,6 millóns para cubrir todas as solicitudes presentadas, o que significa a falta de asistencia de 43% das hectáreas solicitadas.

Ademais, a eurodeputada galega lembrou que o BNG trasladou á Comisión Europea as demandas do sector, en concreto a través de preguntas parlamentarias nas que comunicaba a necesidade de simplificar as cargas administrativas como o novo caderno dixital, a adaptación da metodoloxía dos ecoesquemas e do catálogo de ecorrégimenes á realidade galega, así como a flexibilización da condicionalidade e a aplicación das cláusulas espello como principio de reciprocidade nos acordos comerciais internacionais.

Comentarios