O arquitecto municipal de Palas de Rei informou desfavorabelmente sobre o proxecto de Altri

A comezos de decembro de 2022, o arquitecto técnico municipal de Palas de Rei (A Ulloa) advertía de que o proxecto da celulosa de Altri neste municipio incumpría o disposto no plan urbanístico do Concello, ao promover usos industrias en solo rústico, vulnerando o disposto na Lei do solo da Galiza de 2016.

Altri
photo_camera Predio de Quintas en Palas de Rei (A Ulloa), que linda co concello de Santiso (Terra de Melide) e onde Altri proxecta a súa macrocelulosa. (Foto: Nós Diario)

O 2 de decembro de 2022, o arquitecto técnico do Concello de Palas de Rei (A Ulloa) informaba desfavorabelmente á proposta de instalar unha celulosa no Predio de Quintas dese municipio por incumprir a normativa urbanística. O funcionario competente para determinar a legalidade dos proxectos construtivos e cuxo informe é preceptivo para conseguir unha licenza de obras ou de actividades sinalaba que os usos previstos polo proxecto de Altri incumprían as disposicións previstas no planeamento municipal.

O informe do arquitecto técnico municipal de Palas de Rei sinalaba que “na área onde se sitúa o acto proxectado  atópanse parcialmente as afeccións de transporte, patrimonio cultural e augas. De acordo co anterior, e segundo o artigo 34 da Lei 2/2016 de solo da Galiza, o acto proxectado sitúase parcialmente en solo rústico de protección ordinaria e parcialmente en solo rústico de especial protección nas categorías de protección de infraestruturas, protección patrimonial e protección das augas”. Neste sentido, concluía que “o uso indicado non se atopa dentro do uso de actividades en solo rústico recollidas no punto 1 do artigo 35 da Lei 2/2016 do solo da Galiza e polo tanto considérase un uso prohibido segundo o punto 2 do mesmo artigo”.

O ditame elaborado polo responsábel dos servizos urbanísticos de Palas de Rei continuaba que “a actividade indicada está sometida a avaliación ambiental  por atoparse recollida no anexo I, grupo 5, e, da Lei 21/2013 de avaliación ambiental: Instalacións de produción e tratamento de celulosa cunha capacidade de produción superior a 20 toneladas diarias”.Nesta dirección, remataba con que “dado o anterior e a efectos do informe recollido no artigo 79.2 do Decreto lexislativo 1/2015, considero que o proxecto Gama de implantación dunha fábrica de fibras téxtiles a base de celulosa, en Palas de Rei, promovido por Altri Participaciones y Trading SL, resulta desconforme co planeamento urbanístico en vigor”.

A normativa urbanística de Palas de Rei impide emprazar un proxecto como o de Altri nos terreos do Predio de Quintas e a Vacariza; porén, o Goberno galego impulsou unha modificación lexislativa a través da Lei 3/2022 de áreas empresariais da Galiza que posibilita a instalación dunha celulosa nese concello da Ulloa. Precisamente, o cambio legal aprobouse no Parlamento da Galiza cos votos favorábeis de PP e do PSdeG o 27 de setembro de 2022, só unhas semanas antes que a compañía portuguesa rexistrara o seu proxecto. A maiores, nunha norma deseñada para o impulso aos polígonos empresariais, introducíronse unha serie de mudanzas na consideración da declaración de proxecto industrial estratéxico, unha figura legal creada no Decreto lexislativo 1/2015 polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma da Galiza en materia de política industrial.

Normativa á medida

As modificacións normativas promovidas polo PP en setembro de 2022 abriron á porta á instalación de Altri en Palas de Rei, mesmo incumprindo o disposto no planeamento municipal. A este respecto, a nova lexislación fixaba que a consideración dun proxecto industrial como estratéxico permitía que “as determinacións contidas nos proxectos industriais estratéxicos terán forza vinculante para as Administracións públicas e os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente”. Na mesma liña, noutra parte do seu articulado, determinaba que a “aprobación dos proxectos industriais estratéxicos" implicaba “a non suxeición aos títulos habilitantes urbanísticos de competencia municipal” e “a declaración de prevalencia sobre o plan urbanístico vixente”.

O 29 de decembro de 2022, en plenas vacacións de Nadal, o Consello da Xunta aprobada a declaración da factoría de Altri de Palas de Rei como proxecto industrial estratéxico, o que permitía a instalación da factoría en solos prohibidos para usos industrias polo seu carácter rústico e polas diversas proteccións recollidas no planeamento urbanístico do municipio. Asemade, esta consideración posibilitaba importantes beneficios económicos para o grupo empresarial promotor da iniciativa, a lusa Altri.

A cualificación da proposta de Altri como proxecto industrial estratéxico permite a expropiación dos terreos onde se instale aos seus propietarios. A este respecto, o artigo 84 do Decreto lexislativo 1/2015, conforme á nova redacción aprobada en setembro de 2022, estabelece a “declaración de utilidade pública ou de interese social, en concreto, do proxecto industrial estratéxico e das súas infraestruturas asociadas, para os efectos expropiatorios, e a prevalencia sobre outras utilidades públicas, así como a necesidade e a urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados e o recoñecemento ao suxeito promotor do proxecto da condición de beneficiario da expropiación”.

Carta a Luis Planas

A Plataforma Ulloa Viva, canda o SLG e diversos grupos ambientalistas como Ecoloxistas en Acción remitiron onte unha carta ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, trasladándolle a súa preocupación polo impacto negativo de Altri sobre o sector primario e a súa oposición á celulosa.

A Xunta mudou a lei para posibilitar a localización de Altri en solo rústico

A Xunta forzou unha modificación lexislativa para permitir o emprazamento de Altri en Palas de Rei, malia o disposto no informe do arquitecto municipal. Neste sentido, o alcalde de Palas de Rei, Pablo Tadoada (PP), confirmou onte a Nós Diario que en decembro de 2022 o aparellador do concello “limitouse a dicir que a cualificación urbanística do solo”, onde esta proxectada a planta de Altri, “era rústico, polo que nese momento non eran posíbeis usos industriais”. Nesta dirección, apunta que “unha vez declarado pola Xunta como proxecto industrial estratéxico pasa a ser un proxecto supramunicipal polo que está por encima do planeamento municipal e excede as competencias do Concello”.

A voceira da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, destaca a Nós Diario que “a solución non pasou por buscar unha localización informativa que si cumprise coa normativa, senón que agardaron ao 29 de decembro a que o declarasen proxecto estratéxico e así saltarse a normativa”. Asevera que “a veciñanza quere saber as razóns do trato de favor a unha empresa”.

O profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago (USC) Fernando de Abel, indica a Nós Diario que “ao final se fixo unha normativa á medida de determinados proxectos empresariais que non tiñan encaixe legal, polo que vivimos nun momento onde iso do que tanto se fala e se chama seguridade xurídica brilla pola súa ausencia”. Afirma que “temos unha lexislación urbanística que di o que é o solo rústico e que este ten que ter un uso agrícola pero despois aproban outro tipo de normativas que a contradín".

Comentarios