O BNG propón unha axenda de enerxías renovábeis para pór en marcha un novo modelo enerxético ao servizo de Galiza

Nova planificación integral do mix, retornar os beneficios da produción á sociedade, democratización e innovación, principais eixos de actuación.

GOBERNO ALTERNATIVO_BNG_AXENDA RENOVABLES
photo_camera Reunión esta segunda feira dos deputados e deputadas do BNG (Foto: Nós Diario)

O BNG presentou esta segunda feira a axenda galega de enerxías renovábeis, unha estratexia para, afirmou a portavoz nacional, Ana Pontón, “pór a enerxía ao servizo da sociedade galega e non dos lobbies eléctricos como está facendo o Partido Popular” e que levará ao Parlamento “coa man tendida para chegar a un gran acordo de país” no ámbito enerxético.

A axenda, avanza o nacionalismo, trata un dos debates máis importantes que Galiza ten por diante como é o enerxético e baixo a premisa de que a Galiza xogue un novo rol no que o seu papel de “produtor e líder en renovables reverta no conxunto da sociedade e serva tamén para avanzar en innovación e tecnoloxía, ámbitos clave para o futuro”.

Así pois, “mentres o PP segue inmerso na crispación e no ruído”, apuntou Pontón, o BNG está traballando en propostas que permitan posicionar a Galiza ante os retos enerxéticos e climáticos do futuro cunha axenda galega de renovábeis articulada sobre catro eixos fundamentais: ordenar e planificar para acertar, cunha nova planificación enerxética integral de todo o mix enerxético; retornar os beneficios da produción á sociedade galega; democratizar a enerxía e innovar ao servizo dos galegos e das galegas.

Dentro do primeiro gran eixo de actuación, a líder nacionalista apostou por desenvolver un mapa de ordenación enerxética onde se planifique que tecnoloxías precisa Galiza e onde e como se teñen que instalar, sometendo esta planificación a unha avaliación ambiental estratéxica “que mida no seu conxunto todas as instalacións que se van poñer en marcha”, afondou.

Competencias

De igual modo, o BNG aposta por reclamar a transferencia das competencias para as instalacións renovábeis de máis de 50 MW e, dada “a súa especificidade e polo aluvión de sentenzas xudiciais e a crise do sector”, por impulsar dende o consenso un novo modelo eólico que, segundo recalcou, “substitúa o actual marco legal por un novo que faga compatible o seu desenvolvemento coa participación social e co respecto medioambiental”.

No segundo gran ámbito de actuación, o retorno dos beneficios da produción á sociedade, Pontón defendeu a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega para que o papel produtor de Galiza reverta no desenvolvemento económico do país e beneficie tanto a familias como a empresas.

Ademais, o nacionalismo avoga por vincular a expansión renovábel ao desenvolvemento de plans económicos e industriais que, segundo aclarou, “serán necesarios para aprobar novas instalacións”, e por declarar a enerxía eólica ben público e cun límite temporal, tal e como sucede coas concesións hidráulicas.

Neste sentido, recordou que a Galiza é líder en produción renovábel, segundo os datos de Red Eléctrica ao peche de 2023, e exporta case 45% da electricidade xerada, da que a maior parte xa foi de orixe renovábel.

“Democratizar” a enerxía

En canto á democratización da enerxía, terceiro gran eixo de actuación, a portavoz nacional volveu defender a proposta nacionalista para crear unha empresa pública de enerxía, a posta en marcha dun plan de impulso ao autoconsumo eléctrico, á xeración distribuída e ás comunidades enerxéticas e, por último, dun plan de colaboración específico tamén cos concellos, para axudalos na eficiencia e o aforro da enerxía e no uso das enerxías renovables e na creación de comunidades enerxéticas.

Por último, o BNG tamén propón estender a innovación ao ámbito das comunidades, dado que as novas ferramentas tecnolóxicas de apoio á xestión enerxética poden axudar a desactivar as barreiras de xestión do sistema enerxético actual e permitir o desenvolvemento das comunidades enerxéticas para que Galiza sexa un referente na materia, “non só no ámbito rural, senón tamén no urbano e no industrial”, engadiu.

Comentarios