Inés Rei insta o PSdeG "fortalecer" o partido coa "forza" municipal

A alcaldesa da Coruña traslada o seu apoio a Xosé Ramón Gómez Besteiro e afirma que non se “resigna a dicir” que a súa formación está nunha “posición residual”.

Inés Rei, alcaldesa da Coruña (Foto: Concello da Coruña).
photo_camera Inés Rei, alcaldesa da Coruña (Foto: Concello da Coruña).

Inés Rei, alcaldesa da Coruña, instou ao secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, para que conte co poder municipal para cumprir o "reto que ten por diante" de "fortalecer" ao partido socialista na Galiza.

Realizou estas afirmación durante unha nunha entrevista na Cadea Ser na que trasladou todo o seu apoio a Besteiro e á súa nova executiva, "un novo equipo que entra con ilusión e enerxía para iniciar unha nova etapa na que o PSdeG”, apuntou, “e que sexa unha alternativa real de goberno ao PPdeG".

Neste sentido, a alcaldesa sinalou que non se "resigna a dicir" que os socialistas quedaron nunha "posición residual", cando son a forza que goberna "en máis municipios" e no Goberno español. "Por tanto, temos un músculo e unha forza incuestionábel", enxalzou.

Por iso, considerou que esas dúas características debe trasladalas o PSdeG ao ámbito galego e pensar que lle "quere ofrecer" á Galiza. Un modelo, continuou, que é "antagónico" ao dos populares e que ten "notábeis diferenzas" co do BNG.

Un país urbano

Preguntada sobre se Besteiro debe de contar máis co poder municipal, Inés Rei apuntou que a Galiza é un "país urbano" e que "quere afastarse" da concepción tradicionalista na que "se moveu o PPdeG" nos últimos anos.

"Somos unha rexión de futuro e unha rexión moderna. Non hai máis que ver ás grandes áreas urbanas, como son A Coruña e Vigo. Un país no que xa traballa máis xente no sector tecnolóxico que na pesca", declarou.

Porén, iso "non quere dicir", engadiu, que "non haxa que defender" aos sectores tradicionais, mais "hai que facelo" mirando ao futuro, ás "grandes áreas urbanas" onde os socialistas teñen proxectos e modelos de "éxito" que "garanten o avance e a modernidade".

Besteiro seguinte candidato?

En relación a se ve a Besteiro de candidato dentro de catros anos, a alcaldesa da cidade herculina sinalou que, aínda que queda moito tempo, agora ten "un reto por diante" que é o de "fortalecer o partido” na Galiza.

"Facer que a mensaxe do PSdeG chegue alto e claro aos galegos, deseñar ese proxecto que temos entre todos para Galiza e temos tres anos e pico intensos de traballo", sentenciou.

Comentarios