Eleccións europeas 2024

O PP nútrese de Ciudadanos e UPyD para concorrer ás eleccións ao Parlamento Europeo

Fernando Savater (ex de UPyD) e Adrián Vázquez (ex de Ciudadanos) son as principais novidades.
O ex secretario xeral de Ciudadanos, Adrián Vázquez (Foto: Nós Diario).
photo_camera O ex secretario xeral de Ciudadanos, Adrián Vázquez (Foto: Nós Diario).

O filósofo Fernando Savater, que se presentou tanto ao Congreso como ao Senado español con UPyD, fechará a lista do PP para as eleccións ao Parlamento Europeo do próximo 9 de xuño, segundo anunciou o líder do partido, Alberto Núñez Feixoo, esta cuarta feira a través das redes sociais.

Na súa mensaxe, o líder popular congratúlase da fichaxe de Savater para este posto simbólico. "É unha voz autorizada e cunha biografía comprometida na defensa dos valores democráticos", escribiu Feixoo, quen tamén apela á unidade.

"É a hora de unirnos, fóra e dentro da política. Na rúa e nas urnas. Pola igualdade e as liberdades", salientou Feixoo. Neste sentido, esta cuarta feira tamén se coñeceu que o ex secretario xeral de Ciudadanos, o madrileño de orixe galega Adrián Vázquez formará parte da candidatura do PP.

Iniciativas contra o soberanismo

Non é a primeira vez que Savater, filósofo e escritor vasco que participou en numerosas iniciativas antinacionalistas (contra o soberanismo nas nacións sen Estado) nos últimos anos, forma parte dunha lista electoral, aínda que agora o faga nun posto meramente simbólico.

Nas estatais de 2015, Savater presentouse ao Senado por Unión, Progreso e Democracia (UPyD), o partido que o filósofo impulsou canda Rosa Díez, Albert Boadella e Mario Vargas Llosa, entre outras persoas.

Ao ano seguinte tentou conseguir acta de deputado baixo as mesmas siglas competindo como número cinco na lista de Madrid, que encabezou Gorka Maneiro, que agora forma parte da candidatura de Esquerda Española para os comicios do 9 de xuño.

Por outra parte, xunto ao ex secretario xeral de Ciudadanos están tamén eurodeputadas elixidas no seu día baixo as siglas do partido laranxa, como Susana Solís -que, como Vázquez irá en posto de saída- e Eva Poptcheva.

Comentarios