Sumar di que se oporá, “como parte do Goberno español” ao proxecto de Altri

O partido elevará iniciativas ao Congreso para que a AP-9 sexa "pública e gratuíta" en 2026.

Paulo Carlos López, Marta Lois e Yolanda Díaz, esta cuarta feira, presentando a candidatura de Sumar. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Paulo Carlos López, Marta Lois e Yolanda Díaz, esta cuarta feira, presentando a candidatura de Sumar. (Foto: César Arxina / Europa Press)

Sumar Galicia elevará ao grupo de Podemos do Congreso dos Deputados "unha batería de iniciativas" que permita que a AP-9 sexa "pública e gratuíta" para o ano 2026.

Así o avanzou o portavoz de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, nunha rolda de prensa ofrecida en Compostela canda os dous deputados da formación polas circunscricións da Coruña e Pontevedra, Manuel Lago e Verónica Martínez Barbeiro, respectivamente.

Trátase, en palabras do portavoz, de expor "un xiro radical" coa AP-9 e Audasa, a empresa que a xestiona. "Basta de parches, basta de seguir engordando as contas de resultados de Audasa con descontos. Non é suficiente, é hora de tomar decisións", proclamou López.

Por iso, os dous representantes galegos no Grupo de Sumar elevarán varias iniciativas "co obxectivo de recuperar para o público" esta autoestrada cuxa lei para transferir a súa titularidade a Galiza -cabe lembrar- leva anos de trámites nas Cortes Xerais.

Hai dous motivos polos que a formación de Yolanda Díaz quere dar este "xiro radical", segundo explicou Manuel Lago. En primeiro lugar, porque en 2026 vencen as concesións "de case todas as autoestradas con peaxes" do Estado, mentres que "a única" con máis de 100 quilómetros que seguirá concesionada será a AP-9, até 2048.

En segundo lugar, porque o plan financeiro que Audasa elevou ao Goberno estatal di "que entre 2011 e 2048 vai ingresar por peaxes máis de 9.500 millóns de euros". Xunto a isto, Lago cifrou en 3.400 millóns os "diferentes compromisos que asumiu a Xunta e o Goberno español" coa empresa, que agora mesma está controlada por un fondo holandés.

Altri

Por outra banda, a rolda de prensa deste martes serviu para marcar a posición de Sumar respecto do proxecto industrial que Altri planea instalar en Palas de Rei (A Ulloa). Para ese efecto, o deputado pola Coruña avanzou que o 21 de maio recibirán no Congreso á Plataforma Ulloa Viva, principal organización contraria á planta.

A preguntas dos medios, Manuel Lago advertiu que Sumar non só se opón á implantación de Altri en Palas de Rei a través da Cámara Baixa, senón que tamén o farán como "parte do Goberno", a través dos seus cinco ministros.

Comentarios