A transparencia das axudas públicas aos medios, chave para a rexeneración democrática

O Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza vén de reclamar unha Lei de publicidade institucional da Galiza e un organismo regulador independente contra as novas falsas nos medios de comunicación. A proposta chega nun momento no que a veracidade informativa centra o debate público.

EuropaPress_5638878_hombre_camina_junto_quiosco_15_diciembre_2023_madrid_espana_asociacion
photo_camera Os quioscos continúan a ser un peza chave para distribución da prensa escrita. (Foto: Nós Diario).

O último movemento do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, puxo no centro do debate social e político o papel dos medios de comunicación na construción dunha democracia de calidade. Na súa carta do 24 de abril, Sánchez denunciaba as supostas falsidades da "constelación de cabeceiras ultraconservadoras", unha "galaxia dixital ultradereitista". Denominaba así a quen consideraba parte da “máquina do lodo” e responsábeis de “informacións espurias”. Na mesma liña, na súa comparecencia desta segunda feira, alertaba sobre as mentiras deliberadas "que dirixen o debate político".

O xefe do Executivo estatal non entrou a desvelar as súas propostas concretas en materia de rexeneración democrática, mais deu por feito que unha parte delas irán dirixidas a garantir unha información máis veraz. Neste sentido, o Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza (CPXG) sumouse onte ao debate cun comunicado, onde reclamaba a posta en marcha duns mecanismos de control das informacións falsas, na dirección dos existentes noutros Estados da Unión Europea, e unha Lei de publicidade institucional que garanta o reparto obxectivo das axudas aos medios de comunicación por parte da Xunta da Galiza.

Unha lei de axudas aos medios

O CPXG considera que a primeira é "necesidade urxente" é "reformar a regulación das axudas nos medios de comunicación e a publicidade institucional, con propostas como as realizadas por este Colexio ao longo dos anos, que buscan que a inxección de diñeiro público nos medios de comunicación sirva efectivamente para promover o xornalismo libre e plural, e non para comprar vontades e fomentar a propaganda".Nesta liña, entende que “existen criterios obxectivos e medíbeis que teñen que rexer a concesión destas partidas, como a pluralidade informativa, a profesionalización dos medios, o respecto á deontoloxía ou, no noso caso, o uso efectivo da lingua galega”.

A ausencia dunha Lei de publicidade institucional na Galiza e a discrecionalidade na distribución dos fondos públicos por parte das administracións é un dos problemas chave do sistema mediático galego a ollos do xornalista e directivo do CPXG Xosé Manuel Pereiro: "As axudas públicas aos medios deben responder a parámetros obxectivos fixados nunha lei de publicidade institucional”. Pereiro lamenta “a falta de transparencia do Goberno galego, até o punto de que no portal de transparencia non podes coñecer nada, moi particularmente en todo aquilo referido a contratos menores”.

A xornalista da CRTVG e vicedecana do Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza, Belén Regueira, reclama, en declaracións a Nós Diario, a “aprobación dunha Lei de publicidade institucional da Galiza que teña en conta a transparencia sobre a propiedade dos medios, a pluralidade do sistema informativo e a democratización das redaccións”. Tamén aposta por crear “órganos regulatorios como os que existen en toda Europa para controlar as informacións falsas, de carácter independente, na liña do defendido desde hai anos polo Colexio”.

 A Xunta da Galiza adxudica a maior parte da publicidade aos medios de comunicación por procedementos non suxeitos á concorrencia competitiva. Un caso disto son os convenios de colaboración que subscribe coas propias empresas. Trátase da vía pola que o Goberno galego achega boa parte dos fondos ás empresas xornalísticas. Outra vía paralela de financiamento son os contratos coas axencias de publicidade. Neste caso, tamén se descoñecen as cantidades exactas que recibe cada medio.

Os convenios

A resolución do Goberno galego do 29 de decembro de 2023, pola que o Executivo de Rueda repartiu aos medios perto de 2 millóns de euros sen concurso público, oito días despois da convocatoria electoral, é un exemplo habitual. Neste procedemento, catro grupos de comunicación, La Voz, Prensa Ibérica, El Progreso e La Región, recibiron o 80% das axudas, ficando excluídas das mesmas as diferentes empresas xornalísticas que empregan o galego como lingua vehicular.

Criterios

A falta de criterios obxectivos abre a porta, tamén, á discrecionalidade nas liñas de axuda aos medios en réxime de concorrencia competitiva. De feito, Nós Diario foi excluído da liña de axudas para xornais impresos en formato papel desde a súa fundación, en 2020, malia que nas bases recollen "estabelecer subvencións ás empresas xornalísticas que, estando debidamente inscritas no Rexistro Mercantil ou no que corresponda segundo a forma empresarial que adopten, realicen a súa actividade informativa orientada a alentar a defensa da identidade da Galiza, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a defensa da súa cultura".

A anomalía do modelo galego de axudas aos medios

Os criterios de reparto das axudas públicas aos medios de comunicación por parte da Xunta da Galiza son obxecto constante de denuncia por parte de profesionais da comunicación. A este respecto, Xosé Manuel Pereiro lembra que “moitas das publicacións que están detrás dos bulos están financiadas e mantidas con diñeiro público de diferentes administracións, entre elas a Xunta” e apunta que o Parlamento europeo prohibe “as axudas públicas a medios de comunicación condenados por difundir novas falsas”. Neste sentido, esixe “criterios obxectivos no reparto da publicidade institucional”.

O xurista Xoán Antón Pérez Lema, denuncia, en conversa con Nós Diario, que “na Galiza non existe un sistema obxectivo, en base a criterios de difusión ou de uso da lingua, de reparto das axudas públicas á prensa”. Neste punto, defende que “as subvencións á prensa deben ser obxectivas e transparentes”.

O caso catalán

O modelo de axudas aos medios vixente na Galiza é unha anomalía no espazo europeo. Así, por exemplo, o Goberno catalán define unhas bases con criterios obxectivos, publicando anualmente un informe onde recolle os fondos recibidos por cada medio en concepto de concorrencia competitiva e publicidade.

Comentarios