Mateo Ramos
Veterinario
En Galicia hai máis cans rexistrados (720.000) que persoas con menos de 30 anos de idade (650.000). Os datos do Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac) permiten comprobar o aumento nestes últimos anos, e aumento importante, de cans rexistrados. En 2020 o seu número non sobrepasaba os 380.000 e agora son 340.000 máis. Hai case 1 destes animais por cada tres catro galegos.
O número de gatos rexistrados en Galicia é considerablemente menor, arredor de 40.000. Hai 1 destes felinos por cada 18 cans, co que parece clara a primacía dos segundos nas preferencias dos galegos.
A Regiac ten máis datos interesantes, como que a terceira especie con maior número de rexistros son as denominadas “aves de rapina”, con algo máis de 1.700; ou os 603 furóns que constan neste rexistro. Estas dúas especies non están contempladas nas axudas anunciadas pola Xunta de Galicia a mediados deste mes para adoptar animais de compañía.
Alfonso Rueda anunciou que se concederán axudas de ata 150 euros ás persoas que adopten un animal doméstico de compañía procedente dalgún dos centros de recollida autorizados co fin de cubrir os primeiros gastos veterinarios e de identificación que teñen que asumir os cidadáns cando deciden dar este paso. contarán cunha dotación orzamentaria de 125.000 euros para este ano. Os importes máximos das axudas quedarán fixados en 150 euros en caso de que o animal adoptado sexa un can e en 125 euros se se trata dun gato, sendo subvencionables os custos derivados da identificación mediante microchip, desparasitación, vacinación e esterilización nos que teña incorrido o centro de recollida.
É esta unha boa medida? Para beneficiarse destas subvencións haberá que facerse cargo dun animal que estea a ser atendido nalgún dos 39 centros de acollida autorizados actualmente en Galicia, inscritos no Rexistro Galego de Núcleos Zoológicos, facelo desde a entrada en vigor da orde e antes do 30 de setembro de 2024 e comprometerse a non transmitir a titularidade do animal mentres este viva excepto por motivos debidamente xustificados como enfermidade, incapacidade sobrevinda ou vulnerabilidade económica da persoa adoptante.
É unha idea que debemos recibir positivamente, polo que implica animar a adoptar un animal —insuficiente, todos os que temos un animal de compaña sabemos que 150 euros poucos son—e achegar unha cantidade para animar a dar ese paso.
Por poñer un exemplo, noutras comunidades autónomas como pode ser o casod e Madrid, hai campañas animando a adoptar, pero sen poñer este incentivo económico que si fai a Xunta.
Nos centros de acollida hai centos de animais á espera de ser adoptados por unha familia. E hai familias que podene star pensando en dar o paso de ter un animal de compaña. Se con esta iniciativa da Xunta adoptan e non compran, gañamos todos.
Isa Piñeiro
Bióloga
Cando decidimos ter un animal de compañía en primeiro lugar debemos ser conscientes que, a parte dos beneficios que nos reportará, debemos comprometernos a asumir unha serie de obrigas para co mesmo dirixidas a satisfacer as súas necesidades, sendo responsables da súa saúde e benestar, en definitiva, o que denominamos tenencia responsable de animais. España adheriuse á normativa europea de protección animal do Convenio Europeo en febreiro do 2017, trinta anos máis tarde da súa promulgación, polo que aínda imos con moito atraso en comparación con moitos dos nosos veciños europeos á hora de dar valor e importancia ao benestar animal
Segundo datos da asociación animalista Libera 27.000 animais foron abandonados en Galicia durante o 2021. A taxa de abandono animal crece cada ano que pasa, o que demostra o moito que queda por avanzar neste camiño. Segundo se recollía recentemente na prensa, a Fundación Refuxio de Animais, que desde o ano 2005 se encarga en Compostela de recoller e promover a adopción de animais abandonados,cifraba en 1.021 animais (556 deles cans, e 459 gatos) os que chegaron ao refuxio de Bando. De todos eles, só 20% dispoñían de microchip, un sistema de identificación obrigatorio por lei para as mascotas. No mesmo período conseguiron adopcións para 200 cans e 261 gatos. En moitos refuxios galegos, como o de Vilagarcía, saben ben o que é a solidariedade doutros europeos pois parte importante das adopcións fanse desde Suíza ou Alemaña, países onde a taxa de abandono de animais é moi baixa e onde existe unha ampla concienciación na poboación sobre a adopción e o besnetar animal.
Estes números permiten darnos unha idea de a que facemos fronte. E axuda a poñer en contexto o anuncio do Goberno galego de axudas de 150 euros para a adopción de animais dalgún dos centros autorizados que existen en Galicia.
Unha medida así, sen máis, apenas é unha pinga. A propia Xunta afirmaba que cos fondos que ían destinar a esta mediada poderíanse adoptar en torno a mil animais. Benvida sexa pero os números dados antes permitan facernos unha idea de que é un avance pequeno. Porque o que se necesita é unha actuación e compromiso integral e constante.
Colectivos en defensa dos animais levan anos reclamando un aumento no compromiso dos orzamentos dirixidos aos concellos (que non pasan dos 250.000 euros ao ano), co obxectivo de que se poidan aumentar as partidas de protectoras, saturadas, e que levan anos dando a voz de alarma sobre o insostible da súa situación, e de que precisan elementos tan básicos como produtos de limpeza ou alimento.
Iso é o que realmente se necesita, un compromiso integran da Xunta, e do resto das Administracións tamén, que permita que na sociedade galega calle a idea do benestar animal e da concienciación sobre os seus dereitos . Por iso, esta medida das axudas a adopción debería ir acompañada dun compromiso orzamentario e lexislativo con eses obxectivos.