Morre un operario de 47 anos ao lle caer enriba un muro dunha casa en Ponteceso

Foi un veciño o que alertou ao 112 Galiaz e indicou que o home permanecía atrapado baixo as pedras.
Unha ambulancia do servizo de emerxencias 061 da Galiza. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Unha ambulancia do servizo de emerxencias 061 da Galiza (Foto: Nós Diario).

Un operario de 47 anos, J.J.L.R., faleceu na mañá desta sexta feira ao lle caer enriba un muro de pedra dunha casa no municipio de Ponteceso, comarca de Bergantiños

Segundo explican fontes de Urxencias Sanitarias-061 a Europa Press, até o lugar desprazouse unha ambulancia de soporte vital básico e un equipo médico de atención primaria.

Foi un veciño o que alertou ao 112 Galiaz ás 12,30 horas e indicou que o home permanecía atrapado baixo as pedras. Durante a chamada, explicaba que se trataba dun muro de obra situado nunha casa do lugar de Anllóns de Arriba.

Así, informouse aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galizaa, aos Bombeiros de Bergantiños, ao GES e á Policía Local de Ponteceso, así como aos axentes da Garda Civil.

Os servizos de emerxencias chegaron rapidamente ao momento, explica o 112, aínda que só puideron confirmar o falecemento do operario, cuxo corpo procederon a liberar a continuación os efectivos do GES.

En 2023 perderon a vida na Galiza en accidentes laborais 56 persoas. Son menos que en 2022 debido a que ese ano estivo marcado polo naufraxio do Vila de Pitanxo, elevando os falecementos en sinistros do traballo até 73 persoas.

De 2012 ao 1 de xaneiro de 2024 perderon a vida en accidentes laborais 661 traballadoras e traballadores na Galiza. Unha media de un cada semana.

Comentarios