Opinión

Democracia

Hai termos que parecen antigos. Pasados de moda. Gastados e sen significado. Efectivamente, se noutro tempo non moi afastado falabamos seguido de democracia, hoxe parece carecer de sentido. Mais, non está fóra de lugar que termos clásicos da filosofía política de occidente retornen ao debate político. Retornen á educación cívica e á vida colectiva. Lexitimidade, transparencia, regras de xogo, legalidade. Conceptos dun Estado de dereito que cando rexen unha sociedade teñen que estar sempre presentes. 
Nas sociedades occidentais actuais a lexitimidade vén dada pola observancia das regras que pacta o poder político. Regras e institucións dan lexitimidade, vinculada a valores públicos, á moralidade pública. Mesmo non estar de acordo coas leis e na práctica asumir a súa aplicación é o xogo democrático. A disidencia forma parte intrínseca da democracia. Non é democracia asumir tres ou catro anos de mandato dunha institución e ir contra a regra estando un, dous, tres, catro, cinco… no posto. Isto é ir contra a legalidade e a lexitimidade, por tanto, contra a democracia. Isto sucede coa institución organizadora do poder xudicial: o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

O partido que impide o cumprimento do mandato constitucional é o chamado partido constitucionalista, PP, quen por intereses ligados á corrupción dos seus ex ministros, hoxe na cadea, e membros do partido condenado por corrupción (Gürtel), impide cumprir as regras do xogo. O PP e o seu presidente, Núñez Feixoo, compañeiro de narcos condenados, practican unha política ilexítima. Non aceptan os acordos da Cámara Lexislativa. O presidente elíxese pola maioría da Cámara. Son leis onde a proporcionalidade concede unha representación limitada ás nacións do Estado, non se contempla a plurinacionalidade. O BNPG votou non á Constitución Española. Se estas regras propostas e aprobadas por eles non as cumpren están nunha política de "golpe de Estado". A falta de transparencia nos medios utilizados: redes sociais, sociedades e sindicatos fascistas, control de parte dun poder xudicial continuador do franquismo, medios de comunicación comprados, sen control con informacións falsas.

Que exemplo de democracia pode dar un partido como o PP?

Comentarios