O Deportivo feminino ten unha cita coa historia en Riazor

O equipo branquiazul aspira a fechar ante o Cacereño o ascenso á máxima categoría.
Irene Ferreras desde o banco é a líder da escuadra branquiazul. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Irene Ferreras desde o banco é a líder da escuadra branquiazul. (Foto: RC Deportivo).

O estadio de Riazor abrirá as portas ao feminino do Real Club Deportivo nunha cita histórica para o equipo branquiazul, pois podería fechar o seu regreso á máxima categoría estatal tres anos despois do seu descenso a Segunda e, ao mesmo tempo, o seu debut no fútbol profesional, pois durante a súa anterior etapa na elite a liga non tiña esa consideración. 

Para logralo, o Dépor depende de si mesmo. Abondará con que supere o Cacereño nunha penúltima xornada de campionato programada o domingo ás 12 horas para que certifique un ascenso que mesmo podería obter empatando ou perdendo se o Espanyol tropeza ante o filial do Barcelona no derbi catalán.

Na antesala do transcendental encontro, a preparadora herculina, Irene Ferreras, compareceu ante os medios de comunicación recoñecendo que esta foi "unha semana diferente", na que tivo tempo para reflexionar "sobre as experiencias pasadas e toda a loita a nivel individual e colectivo" para estar na privilexiada situación na que se atopan de cara a completar o obxectivo.

"É un reto, un momento no que gañar algo importante e compartir con tanta xente", destacou cun sorriso unha adestradora que non ocultou a súa emoción ante a posibilidade de fechar o ascenso nun Riazor que promete apoiar en masa ás súas xogadoras.

O 'pío-pío' das Palmas, no camiño da salvación celeste

E se o Dépor feminino aspira a subir a Primeira, o Celta quere manterse alí, e para iso é fundamental que obteña un resultado positivo no seu encontro deste sábado (14 horas) fronte As Palmas.

A entidade canaria, virtualmente salvada, acumula unha xeira de sete partidos sen coñecer a vitoria -e perdendo os últimos catro-, polo que o conxunto dirixido por Claudio Giráldez debe sacar petróleo da crise dos 'pío-pío'.

Co regreso de Luca De la Torre a unha convocatoria como principal novidade, a escuadra celeste podería saír de inicio con Guaita na portería; Mingueza, Carlos Domínguez e Jailson como trío de centrais; Manquillo e Hugo Álvarez ou Luca De la Torre nos carrís dereito e esquerdo; Hugo Sotelo e Fran Beltrán compartindo a función de mediocentros; e Iago Aspas, Larsen e Bamba no ataque.

Nova batalla do Rácing de Ferrol pola promoción

Movendo o foco á Segunda División, o Rácing ásese con forza á posibilidade de concluír a fase regular do campionato instalado nos postos que dan dereito a disputar o play-off de ascenso, pero para iso é fundamental que logre facerse cos puntos en partidos como o deste sábado, no que visita ás 16.15 horas o campo do fechacancelas, o Vilarreal B. 

Sen Óscar Pinchi e Josep Señé, que continúan mancados, igual que Álvaro Vadillo, o técnico dos Diaños Verdes, Cristóbal Parralo, non se fía da mala situación do Submarino Amarelo e cualificou o choque de "duelo trampa".

A tensión na terceira categoría, disparada

De non conseguir o ascenso a Primeira, o Rácing de Ferrol podería ter a próxima tempada un ou máis equipos do país ao seu carón na 2024/25.

Quen máis doado o ten é un Deportivo masculino instalado no liderado e con catro puntos de vantaxe sobre un Barcelona B que esta semana colide ás 16 horas cun Lugo en plena crise de resultados.

O conxunto deportivista recibe o sábado ás 19 a Cultural Leonesa, e de gañar favorecería os intereses tanto de Celta Fortuna como de Arenteiro, pois os 52 puntos que acumula a 'Cultu' fan dela unha seria aspirante a unha promoción á que tamén optan vigueses e carballineses. Os primeiros  están obrigados a vencer o Nàstic en Tarragona -que é cuarto con 57 puntos-, e os segundos a facer o propio coa Ponferradina -quinta con 56- o domingo ás 18 horas.

Comentarios