"Negro de merda" e "sen papeis": suspenden un partido en Vilalba por insultos racistas

Un futbolista do Sancovade denuncia outro do Castro por supostamente referirse a el en termos xenófobos, o que motivou a suspensión do partido que disputaron o pasado sábado no minuto 69.
Un intre do partido entre o Sancovade e o Castro do pasado sábado, suspendido no minuto 69. (Foto: CFV Sancovade)
photo_camera Un intre do partido entre o Sancovade e o Castro do pasado sábado, suspendido no minuto 69. (Foto: CFV Sancovade)

O Club de Fútbol de Veteranos Sancovade, natural de Vilalba (Terra Chá), vén de denunciar que o pasado sábado un dos seus xogadores sufriu insultos racistas por parte doutro do Club Deportivo Castro, de Castro de Rei (mesma comarca) durante un partido entre ambos os conxuntos o pasado sábado na capital chairega.

O Sancovade emitiu un comunicado en redes sociais no que condena o ocorrido neste enfrontamento de veteranos do pasado sábado e solicita á Federación Galega de Fútbol que os insultos "non queden impunes". "De non ser así, pensaremos en abandonar a competición, xa que un episodio de racismo e odio non se pode pasar por alto e é algo que non vai cos valores nin do noso clube nin do fútbol", engade o equipo vilalbés.

Na acta arbitral, feita pública polo Sancovade, pódese ler como no minuto 69 houbo unha "confrontación entre xogadores" no centro do campo. Nese momento, o delegado do equipo local achegouse ao colexiado e manifestoulle a súa intención de non continuar co partido porque "un dos seus xogadores sufrira un insulto racista". O árbitro matiza na acta que non foi "capaz" de escoitar o devandito insulto "por estar lonxe dos xogadores". Mais o partido concluíu nese momento a pedimento do Sancovade, que vencía na altura por dous goles a cero.

Tras estas acusacións, o Club Deportivo Castro non dá por válida a versión do outro conxunto e sae en defensa do seu xogador: "Ímonos cinguir unicamente ao escrito polo colexiado do encontro na acta arbitral, onde reflicte non ser coñecedor de tales insultos".

No seu propio comunicado, o equipo de Castro de Rei manifesta que a palabra do seu xogador "ten o máximo valor", polo que reivindica a "honra" e o "bo facer" que "sempre" os definiu como clube, aseguran. Con todo, resérvase "o dereito a tomar as medidas disciplinarias oportunas" se tales feitos fosen probados.

O CD Castro tamén manifesta a súa condena a "calquera tipo de acto violento, xa sexa de carácter físico ou verbal, así como calquera tipo de discriminación, vexación ou insulto da índole que sexa".

O futbolista afectado, segundo apunta o xornal El Progreso, trasladou os feitos esta terza feira aos xulgados de Vilalba perante unha denuncia na que asegura que o xogador rival se dirixiu a el chamándoo "negro de merda" e "sen papeis".

Comentarios