O candidato á Xunta polo BNG, Francisco Jorquera, dixo esta mañá que o anuncio do adianto electoral feito público polo presidente da Xunta "vénlle ditado por Rajoy". Para o nacionalista, entrementres o comportamento de Núñez Feijóo nestas semanas deixaba ver a súa intención de esgotar a lexislatura, a súa comparecencia nesta segunda denota que "Feijóo se está a comportar como un delegado do goberno central".
Após as declaracións feitas polo voceiro do Partido Popular, Pedro Puy, que consideraba o daquela posíbel adianto como unha decisión técnica, o candidato á Xunta polo BNG asegurou que non estamos perante un adianto técnico senón fronte a unha decisión política, "para despexar o calendario electoral e poder seguir adiante desde Madrid coa política de recortes".
Segundo as palabras de Jorquera, o BNG "congratúlase" do chamamento adiantado ás urnas pois entende que a Xunta de Galiza e Feijóo representan "un goberno esgotado e o peor presidente da historia de Galiza". Así mesmo, Jorquera, asegurou que Galiza precisa un cambio, que aposte "por unha saída social da crise" fronte aos recortes do Partido Popular, e dun maior autogoberno en troques do proceso de (re)centralización promovido desde o goberno español. Asemade, o nacionalista asegurou que "o BNG está totalmente preparado para facer posíbel ese cambio" e servir de referente para aquela cidadanía que exixe un outro modelo para saír da crise.