Feijóo dedicou boa parte da súa réplica a Jorquera a criticar o bipartito e a defender o actual status de Galiza dentro do Estado español.
Foi especialmente contundente ao reprobar a aposta do BNG no concerto económico. Acusou á formación soberanista galega de tentar importar a Galiza as receitas de Bildu e ERC. "Vosté representa a Galiza, mais Bildu e ERC, non".
Quixo polemizar con Jorquera a respeito das conviccións nacionalistas de Castelao, do que dixo literalmente que non era "independentista" nen soberanista.
Na réplica a Jorquera, tamén deixou unha frase para a hemeroteca: "No meu gobenro non hai ninguén imputado nen ninguén implicado nun sumario". E logo engadiu: "Alá os gobernos e alá cada quen", como se quixese mostrar desdén a respeito da esperéntica situación que se está a viver na capital de Galiza, coa práctica totalidade da xunta de goberno imputada por prevaricación.
Réplica a Beiras
Feijóo descualificou a intervención de Beiras. "O único que lle faltou por dicer é que eu pertenzo a Resistencia Galega", dixo en alusión á frase do portavoz de AGE sobre que a Xunta é un "comando especial de exterminio".
Dixo non saber moi ben que ideoloxía defende Beiras no debate, se a independentista ou a de Esquerda Unida, e brincou co feito de Anova ter anunciado que trasladará as súas iniciativas ao Congreso através do grupo valenciano Compromís "e non através do BNG ou de IU".
Oposición a Zapatero e ao bipartito
No discurso de réplica a Méndez Romeu, Feijóo tirou de hemeroteca e dos dados recopilados pola súa equipa de asesores para por uns momentos voltar a exercer o papel de xefe da oposición. Ao bipartito e a Zapatero.