O lexislativo da UE valida a primeira norma contra a violencia machista do bloque

Alemaña, Francia e Hungría impiden incluír a violación como delito a nivel comunitario.

O lexislativo do bloque comunitario. (Foto: Mathieu Cugnot / Parlamento da UE)
photo_camera O lexislativo do bloque comunitario. (Foto: Mathieu Cugnot / Parlamento da UE)

Con 72 abstencións e 27 votos en contra, principalmente procedentes da extrema dereita, e 522 votos a favor, o Parlamento da Unión Europea (UE) aprobou a cuarta feira a primeira normativa comunitaria para combater a violencia machista.

A lexislación non inclúe a violación tras impedilo Alemaña, Francia e Hungría, a pesar da insistencia da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, á hora de defender que as normas da UE deberían consagrar o que considerou “outro principio fundamental: Non é non”.

Con todo, prohibe a mutilación xenital feminina e o matrimonio forzoso, e fixa orientacións para os delitos cometidos en internet, como o acoso ou a divulgación de información privada.

En paralelo, determina varias circunstancias agravantes para estes delitos, como os crimes contra figuras públicas, e estabelece a nivel da UE que será tipificado como delito a intención de castigar as vítimas polo seu xénero, orientación sexual, cor de pel, relixión, orixe social ou ideas políticas.

Tamén outorga prioridade á seguridade das vítimas de violencia machista, incluído o acceso a aloxamentos protexidos, e ao acceso a asistencia sanitaria, forzando os Estados membros a desenvolver campañas de concienciación contra a violación.

50 mulleres asasinadas cada semana

Na UE, unha de cada tres mulleres padeceu violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida. Porén, a pesar de que cada sete minutos se produce unha violación apenas 0,5% acaban en condena para o agresor.

Ademais, cada semana son asasinadas 50 mulleres e nenas, 38% a mans das súas parellas sentimentais.

Comentarios