O PNV gobernará Euskadi e EH Bildu logra un avance histórico

A presenza do espazo nacionalista ensánchase nestas eleccións até os 54 dos 75 escanos do Parlamento vasco. 
eusk
photo_camera (Imaxe: EiTB)

EH Bildu acadou esta noite un resultado histórico ao lograr un empate en escanos, pero non en votos, co PNV, que, con todo, non impedirá que o candidato jeltzale, Imanol Pradales, conquiste a lehendakaritza mediante un acordo co PSE-EE. de Eneko Andueza, un pacto que tanto nacionalistas como socialistas xa avanzaran durante a campaña electoral.

PNV e EH Bildu empatan a 27 escanos nas eleccións autonómicas vascas, aínda que os jeltzales son a forza con máis votos, mentres que o PSE-EE logra dous escanos máis ata 12 e o PP obtén sete. Pola súa banda, Vox conserva ao seu representante e Sumar entra no Parlamento. Con máis de 98% por cento escrutado esta é a foto que resulta da xornada electoral que viviu Euskadi este domingo.

O resultado parece finalmente estabilizado, á espera do voto exterior, que aínda pode alterar o resultado, dado que o tirapuxa foi continuo durante todo o reconto e hai escanos que dependen de moi poucos votos de diferenza. 

EH Bildu, que tivo o crecemento máis importante da noite, estivo a piques de arrebatar nalgúns momentos a posición de liderado do PNV, pero os jeltzales mantiveron a posición grazas a un moi bo resultado na demarcación de Biscaia. Pola contra, en Araba os abertzales logran o sorpasso. EH Bildu logrou unha clara vitoria en Gipuzkoa por máis de oito puntos e en Álava, onde gañou por algo máis de dous puntos. Unha vantaxe que o PNV compensou cunha gran vitoria en Biscaia, o seu feudo inexpugnábel, en algo máis de 10 puntos.

Resultados provisionais das eleccións en Euskadi. Fonte Berria
Resultados provisionais das eleccións en Euskadi. Fonte: Europa Press

 

Con estes resultados, os jeltzales perderían catro parlamentarios con respecto a hai catro anos, mentres que EH Bildu gaña seis. Os socialistas son a terceira forza con doce escanos (dous máis que en 2020) e mantén a chave do goberno. O PP consegue sete representantes, un máis que en 2020.

PNV e PSE-EE poderían reeditar a súa coalición e acadarían a maioría absoluta (38) xa que a suma dos dous ascende a 39 representantes.

 

Avance histórico de Bildu

A presenza do espazo nacionalista ensánchase nestas eleccións: se en 2020, a suma de PNV e EH Bildu batera un récord ao acadar os 52 escanos, os resultados de hoxe, se se manteñen estes resultados, daría un total de 54 escanos ocupados por forzas nacionalistas. 

En todo caso, a gran diferenza con todas as citas electorais anteriores é a escalada de EH Bildu, que demostra que o seu crecemento é estrutural e que presaxia un cambio de ciclo na política vasca. Os abertzales terán que esperar para gobernar, pero obteñen un resultado histórico. A formación de Pello Otxandiano rompe de forma contundente o seu teito electoral e con 27 deputados, seis máis que os obtidos en 2020, empata en escanos co PNV, e queda a pouco menos de tres puntos en votos (32,4 %) en comparación cos seus rivais.

Comentarios