BNG e A Mesa reúnense para buscar avances "na normalización do galego no ámbito da Administración do Estado"

Con esta reunión, A Mesa pola Normalización Lingüística abriu unha rolda de contactos cos representantes políticos galegos presentes no Congreso para "impulsar novos avances" para o idioma propio da Galiza no Estado.
Marcos Maceira e Néstor Rego esta terza feira na sede da Mesa pola Normalización Lingüística, en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Marcos Maceira e Néstor Rego esta terza feira na sede da Mesa pola Normalización Lingüística, en Compostela (Foto: Nós Diario).

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantiveron esta terza feira un encontro para avaliar a posibilidade de uso do galego no Congreso, unha medida anunciada na sesión constitutiva das Cortes e para a que, precisamente, nesta xornada se rexistrou unha reforma do regulamento.

Neste sentido, a entidade en defensa da lingua considerou "moi positiva" a medida para "finalizar esta anomalía democrática, como é a imposibilidade de usar linguas diferentes do castelán". Pola súa parte, Rego comprometeuse a defender na Cámara Baixa todas as iniciativas encamiñadas á "plena normalización" do uso do galego.

Con esta reunión, A Mesa pola Normalización Lingüística abriu unha rolda de contactos cos representantes políticos galegos presentes no Congreso para "impulsar novos avances" para o idioma propio da Galiza no Estado.

Con todo, considerou que os avances para as linguas "non se deben deter aquí" e referiuse especialmente ao ámbito xudicial e á Administración Xeral do Estado, nos cales tamén o Consello de Europa puxo o foco e que son "de obrigado cumprimento" por parte do Estado.

"Se a vontade da maioría de forzas políticas do Estado é que nesta lexislatura cambie o tratamento que o Estado español dá ás linguas, hai que pór fin a todas as discriminacións", salientou Maceira.

Pola súa parte, Rego manifestouse neste mesmo sentido e agradeceu o labor da Mesa para recalcar que a "prohibición do uso da lingua galega na tribuna do Congreso parte da arbitrariedade do presidente ou presidenta amparada na 'tradición', pero non na legalidade", xa que o regulamento non recolle unha lingua de uso específico.

"Anomalía democrática"

Ademais, Rego considera "unha anomalía democrática" que un representante político non poida utilizar no Congreso o idioma das persoas que o elixiron. "Entendemos que é necesario e nisto estamos a traballar, para deixar constancia expresa do dereito", subliñou, sobre a reforma do regulamento.

O BNG tamén lembrou o compromiso de avanzar no uso das linguas do Estado nos medio públicos e subliñou e reiterou o seu "compromiso firme" con todo o que ten que ver coa normalización da lingua. En contraposición, lamenta que o PP sexa a primeira formación que dixese que se oporá á posibilidade do uso do galego no Congreso.

Comentarios