Un Diario en Galego? Si, Grazas

SOBRE MEDIOS E IDENTIDADE

A lingua que nos representa é tamén a que nos expresa; é a lingua que unha sociedade teceu ao longo do tempo á par que se constituía como tal ao se facer consciente do territorio, do aproveitamento de recursos, de acordar certos valores, iso que dicía Saint Just, de sentirmos o mesmo sobre o ben e o mal. Xa que logo, a lingua galega non pode ficar á marxe dunha práctica que iguala, a da información; da liberdade para expresar opinión; do dereito a comunicar.

Un Diario en Galego? Si, Grazas
Un Diario en Galego? Si, Grazas

A lingua, sabémolo ben, non é soamente un vehículo, senón un sistema de pensamento, de visión, que reforza ou pode esfarelar o vencello social. A lingua é tamén o lugar no que a identidade acolle sentido social e espacial. Eis a importancia de recuperarmos esa liña clara que nos vencella co xornalismo en lingua galega, práctica que correu parella coas reivindicacións políticas cidadás dunha nación en construción. Desde O tío Marcos da Portela ou o semanario A Monteira; desde A Nosa Terra das Irmandades da Fala e até as moitas iniciativas de colectivos e mesmo persoais ou profesionais, que levaron o galego para as páxinas dos xornais.

 

Cada nova que o diario en galego forneza, engádelle ao seu contido literal o valor simbólico de sentírmonos, desde nós mesmas, protagonistas desa información precisamente porque dela forma parte a lingua de pertenza. Porque a lingua, como a comunicación, é relación. É dicir, espazo común que media entre todas nós. Un espazo que anoou Medios e mais Identidade e que nos propomos revisitar no texto a seguir, a través dunha paisaxe fragmentada, dunha paisaxe transitada polo nós no espazo público. Achegámonos, así, ao senso que acolle a verba Identidade vs. Medios de Comunicación na Galiza, nun retorno voluntario ás fontes e ao que, algures, ficou sen desenvolver: a nación como lugar para a prensa como constitutiva do cidadán e da cidadá, talvez como modelo a imitar.

 

A lingua galega non pode ficar á marxe dunha práctica que iguala, a da información

 

A posta en valor da verba Identidade a respecto dos Medios de Comunicación imos abordala como retorno á historia e, desde o presente, en diálogo con determinados sinais e contra-sinais. Xa que logo, se cómpre seguir lembrando a necesidade de contar con liberdade de expresión e cun sistema de medios de comunicación que lle dean existencia xeral, non particular, tamén urxe comezar a batalla sobre o deber, por parte das políticas públicas, de garantir a produción e o acceso á información e á comunicación como parte do dereito a saber e como paisaxe onde sexa posíbel o binomio Medios/Cidadanía como expresión política do que nos define e identifica. Termar, asemade, de escenarios independentes ou construílos aló onde non os houber, de espazos alternativos, duradeiros ou efémeros, nos que todos e todas nós poidamos falar, actuar, nos relacionar, lévanos a explicar, antes de máis, o marco no que situamos cada peza desta paisaxe para relacionalas unhas coas outras no tempo.

 

Queremos peneirar unha paisaxe transitada polo nós no espazo público e unha paisaxe que debéramos recoñecer como constitutiva do tema que nos convoca e que adoito singularizamos co nome «Prensa e Galeguismo» por mor de activar certas idas e vindas nas que situar certas figuracións nas que ancora un cadro xeral para a reflexión e para aquelas marcas que reclaman a nosa atención. No caso galego a primeira é a do idioma. E dígoo desde o Georges Steiner de Errata: Parler une langue, c’est habiter, construir, enregistrer un cadre du monde spécifique: une mondanité, au sens étymologique, fort, de cet mot. C’est occuper et traverser un paysage singulier dans le temps. («Falar unha lingua é habitar, construír, fixar un espazo específico do mundo: un modo de estar no mundo, no seu sentido primixenio. É ocupar e atravesar unha paisaxe singular no tempo»).

 

A lingua é un sistema de pensamento, de visión, que reforza ou pode esfarelar o vencello social

 

A segunda nota ten a ver cunha acepción que se ben tardou en prender desde que xa nos anos cincuenta Levi-Strauss propuxera a cuestión identitaria como unha construción, arestora instalouse na conciencia pública como parte da definición da cidadanía, como parte da calidade democrática e como posición crítica fronte da súa deturpación como aquela «outredade» que pouco ten a ver connosco. Remítome ao antropólogo Héctor Díaz de Polanco (1), para advertir que cando un ou unha analista ignora as determinacións socioeconómicas ou de clase dunha identidade comete un erro: «As identidades non se manteñen idénticas a si mesmas, mercé a unha pretendida esencia invariábel que flota por riba da historia, senón que se fan e se desfán, e ás veces entran en ‘invernía’ para após renascer».

 

E en dicindo isto tamén o investigador mexicano chamaba a nosa atención para a pertenza como un acto de escolla, de decisión política, e falaba da necesidade de darmos cabo da tentación etnocéntrica e isolacionista e de asumir a identidade como un proceso, un proceso onde os Medios -resultado e operador no mesmo- teñen un rol central.

 

Porque os Medios son tamén un síntoma do estado xeral dunha sociedade, da súa «invernía» ou da saída á luz da mesma; da súa capacidade para se expresar, idea fundacional que ecoa en versos coma os do poeta da Letanía de Galicia, Uxío Novoneyra, que reproduzo de memoria: «Recóllote da terra, estás moi fonda/recóllote da historia, estás borrosa». Desde ben lonxe , desde a historia como idea que organiza certas propostas, e desde a igualdade como fundamento da cidadanía e nela, na realidade da igualdade e nos Medios como instrumentos de inclusión, de acceso e participación na información, a posibilidade de relación entre Medios de Comunicación e construción identitaria, é dicir, da Nación.

 

Cada nova en galego engade o valor de sentírmonos, desde nós mesmas, protagonistas da información

 

A Nación como un real que inclúe, non podería ser doutro xeito, a representación dese real -Bourdieu, sempre- e nisto os Medios teñen un rol central; identidade como diferenza -pero sen límite de acceso á diferenza, remárcase- e, polo tanto como consciencia da outredade aquí; identidade/alteridade como relación do diferente e como manifestación non soamente do imaxinario, da ideoloxía, como desexo ou como pretexto, senón e de maneira singular no caso que nos ocupa, a se expresar como cultura material na industria da comunicación e na circulación de bens en diversos escenarios, incluído o mercado, no público e no privado, e tamén a abranguer o que chamaremos intervencións e propostas de grupo e persoais. E para lle dar corpo a este percurso botamos man, desde a prensa ou desde a correspondencia pública, de pequenos textos realizativos, textos cos que se fan cousas, textos que deixan determinadas pegadas. Imos, deste xeito, para a historia, para esa historia borrosa por entre a que tentar dar cos restos do que arestora vivimos como un desentendemento entre Medios e Identidade, entre Medios e o lugar múltiplo desde o que te expresas, e facer dos restos unha presenza ontolóxica, un index do que algures foi a verdade que fixo avantar o real cara a un horizonte que corenta anos de ditadura encrequenou e deturpou.

 

Os primeiros sinais dunha nova toma de posición chegan desde aqueles periódicos que se presentan só a consigna: «Todo para Galicia!» e que desde os anos corenta do século XIX desenvolven unha nova proposta política que se chama ‘provincialismo’, unha proposta que nutre a idea federal e que pasa a se chamar ‘rexionalismo’ até que desde os anos dez do século XX e da man dun xornalista, Antón Vilar Ponte, e dunha das primeiras agrupacións políticoculturais da Galiza, as Irmandades da Fala, en 1916 se dota dun programa de intervención política, singularizándose como ‘nacionalismo’ e a seguido, na II República española, dá o paso cara a constituírse en Partido Galeguista.

 

Na procura dunha certa orixe

 

Se nalgún país é paradigmática a interrelación de Prensa e mais Nación como un proceso activo é acó, na Galiza. Foi nun periódico dos provincialistas que se unen ao levantamento progresista de 1846, foi en El Porvenir, onde se localiza por primeira vez a consigna «Todo para Galicia». Acollida como imaxe de marca, esta frase, con algunha lizgaira variante, irá aparecendo en El Clamor de Galicia, que dirixe Vicetto en A Coruña na década a seguir, en La Oliva (1856), El Miño (1968), en La Concordia (1873) ou en El Heraldo (1874).

 

A resultas, nese período edítanse as primeiras publicacións unilingües en galego: O tío Marcos da Portela, en 1878; O Galiciano, en 1887; A Monteira, en 1889… e todas elas van entretecendo unha paisaxe ben rica e plural. Desde El Emancipador Gallego ou El Idólatra de Galicia, primeiras cabeceiras que nos anos corenta amosarán o desexo de formalizar a singularidade que os identifica, e até a fin do dezanove, neste binomio «prensa e galeguismo» sobrancean dous aspectos nodais: o combate ao localismo, única vía de definir a integración nunha soa conciencia nacional e a asunción do idearium transformador da Modernidade. Ambos os extremos tiran, xa que logo, pola dedicación informativa ao país (para coñecermos o país) e o enfrontamento arduo coa restra de estereotipos negativos que a palabra «galego» arrastra canda si e que chegan ate nós como protagonistas, por exemplo, de innúmeras anécdotas chocalleiras que mesmo nos deberan facer matinar no interese en representármonos nós ou en deixarnos representar por outros.

 

A lingua é tamén o lugar no que a identidade acolle sentido social e espacial

 

Secomasí, o resultado mediático do devandito é unha ampla tipoloxía que abrangue prensa profesional e de opinión, prensa informativa e periódicos de grupo mentres están a piques de chegar, desde La Habana e metidos a xornalistas, os contertulios do café La puerta del Sol. No ano 1913, tal se se tratase dos heroes problemáticos da grande novela realista, a conspiración xuntaba o poetaaxitador Ramón Cabanillas ou o crego agrarista Basilio Álvarez -autor de El libro del Periodista, 1912, o primeiro que define as regras de estilo desta profesión no Estado español- con Antón Vilar Ponte ou con Blanco Torres.

 

Decote insistimos que na Galiza, ao igual que no resto de Europa, no período entre a chamada primeira e segunda guerras mundiais déranse as condicións que lle ían dar corpo, é dicir, un Programa, ás alternativas que se viñeran perfilando e que a nivel político vemos representadas no agrarismo, no nacionalismo e no republicanismo. Nesa altura a prensa, suxeito na historia, pénsase como construtora da cidadanía e entrelázase cos procesos -relativos- de urbanización, coa exixencia de liberdades, coa alfabetización pública, co aumento do poder adquisitivo e a idea de lecer, cunha nova concepción empresarial e profesional: necesidade de estabilizar o cadro laboral das redaccións, especialización, desenvolvemento dos xéneros xornalísticos e da publicidade, desenvolvemento das artes gráficas e das asociacións -a Asociación da Prensa da Coruña enceta a campaña contra a censura- e, como aspecto substantivo, a idea de que cómpre un Público, a construción dun público, que é o feito máis importante que acomete o galeguismo a través da prensa de idearium -A Nosa Terra sería o exemplo- e valéndose da prensa de masas, chámese El Orzán en A Coruña, La Zarpa en Ourense; Galicia ou El Pueblo Gallego, ambos os dous en Vigo, El País, en Pontevedra.

 

Das condicións

 

En resumo, a descrición do mundo que se chama Galiza no tempo que vai de 1900 a 1930 fai variar do 14 ao 35% a poboación activa dedicada á industria e aos servizos, mentres que a porcentaxe que nos fala do proceso de asentamento urbano soamente vai do 9 até o 13%. Na Galiza, xa que logo, o proletariado máis numeroso é simbiótico, participa dos modos de vida e de produción industrial e rural igual que un importante segmento da pequena industria está vencellado ao sector primario -nomeadamente á pesca e conservas- e que os enclaves industriais máis asentados, por exemplo a tabaqueira e parte da construción naval, son estatais (2).

 

As mudanzas nas mentalidades, nas formas cotiáns e nos modos -políticos e estéticos- de se manifestar a Modernidade onde o mundo se chamaba Galiza teñen como textura complexísima, na fin do capitalismo liberal, esta trama económica e social. O asociacionismo sindical, ou o Nacionalismo como marco de contestación collen pulo a partir da, así chamada, guerra do catorce á par, por unha banda, da notación de intelligentzia (os e as intelectuais) como intervención no espazo público e, pola outra, da urbe como novo escenario. Era o cimo natural dun proceso que desde a metade do XIX pensa a entrada na nova cultura produtiva sen ter que tronzar as relacións co agro -maioritario na demografía e ben estruturado no seu modo de vida-, mentres se van esfarelando a nivel simbólico e operativo a monarquía e o sistema de quendas do lobby liberalconservador. E como marca indiscutida de Modernidade, a preocupación polo papel dos Medios de Comunicación.

 

Tal e como continúa a acontecer, tamén naquela altura tócalles ás asociacións cívicas e culturais organizar mostras, escribir e ensaiar pezas teatrais, traernos o cinema sonoro e dinamizar emisións radiofónicas como fixo a Liga Santiaguesa polo Estatuto con Radio Galicia, que saíu ao ar o 15 de xaneiro de 1933 cun poema de Fermín Bouza Brey lido por don Antonio Fraguas desde os estudos sitos no número 5 da Praza da Universidade. Época na que Ánxel Fole escribe os seus poemas roxos en Yunke e en Guión; cando, en Pontecesures, as cerámicas Celta fabrican figuras que deseña o pintor Maside ou Francisco Asorey, autor dun Castelao; cando Bonome fai a talla do músico Quiroga e A Nai de Eiroa preside, no salón do artesoado, os fondos con máis de cincuenta obras da colección do Seminario de Estudos Galegos, SEG, un patrimonio que será incautado en 1936, cando se produce esa fenda que representamos, precisamente, neste feito. Pasados uns poucos anos no canto do SEG, desde a obediencia ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas, que rexe o bispo falanxista Eijo Garay, eríxese o chamado Instituto Padre Sarmiento obxecto, aínda, de múltiplas reclamacións, a derradeira desde o editorial de A Trabe de Ouro que fai memoria sobre o grupo de activistas que fronte dunha Universidade desgaleguizada e co apoio da Xeración Nós dedícanse «ao estudo metódico de Galicia multidisciplinarmente desde diversas ciencias humanas e sociais» (3).

 

Polifónica e nómade, a Xeración que chega até o 36 métese por entre a historia terreal e por entre os Medios de Comunicación para lle dar continuidade, cos materiais a bordo e coa procura doutros máis afíns, á Nación. Fai política, fai xornalismo, fai axitación cultural, déixanos un ronsel de realizacións.

 

Neste período a prensa, como sector, aplica fórmulas novas, estabelece convencións, desenvolve os xéneros complexos -a reportaxe- e singulariza o artigo de opinión. De xeito sobranceiro afírmase unha categoría, o Público, non como unha abstracción, esa entidade que é depositaria da soberanía, senón como realidade plural e dialéctica, mudábel, que adquire a categoría de receptor colectivo, de comunidade de lectoras, e pasa axiña a ser considerada parte dun sistema no que se manifestan as relacións sociais de comunicación.

 

O caso dun medio que se quere "organizador"

 

Desde o 14 de novembro de 1916 o galeguismo organizado edita A Nosa Terra, ANT, que se presenta e se diferenza do resto das publicacións polo lema «Idearium da Hirmandade da Fala en Galicia e nas colonias galegas de América e Portugal». Desde o 15 de abril do 1932 anúnciase como portavoz do Partido Galeguista.

 

Podemos ou non constatar determinados sinais que permitan seguir as pegadas de determinados momentos de conquista no xeito de pensar identidade e máis cidadanía como resultado dun operador que é ANT?

 

Nin as funcións cambiantes que moitos dos seus responsábeis van desenvolvendo segundo o lugar de edición e, sobremaneira, debido á represión -censura, na época de Primo de Rivera, suspensión cara a fin do bienio negro, en 1934- nin as variacións de periodicidade ou de tamaño son variábeis independentes. Todo en ANT é un indicador das dificultades que van sorteando os galeguistas ao longo de vinte anos e até a sublevación militar. O soporte efectivo de ANT fórono os seus subscritores -á volta dun milleiro-, o seu elemento de distinción dábanllo os colaboradores e colaboradoras, a súa posíbel incidencia nun público-modelo ou a súa carta de presentación prestábanlla os anunciantes que con􀁥aban na súa liña editorial e na empatía na que baseaba a relación co lector.

 

Se nalgún país é paradigmática a interrelación de Prensa e mais Nación como un proceso activo é na Galiza

 

Como xa é ben coñecido, ANT vaise dirixir a certa pequena burguesía ilustrada que podemos identificar coas profesións liberais (avogados, médicos…), co corpo de ensinantes que fan de mediadores con públicos máis amplos polo seu papel divulgador, e tamén a unha pretendida burguesía autóctona, un lector-tipo que é quen de entender e de incorporar aos seus intereses o programa reformador do primeiro nacionalismo.

 

Representa, pois, ANT o escaparate máis acaído para o programa de intervención que o galeguismo quere facer coñecer, o espazo de debate que cómpre, para alén de facer do boletín un instrumento organizador (véxanse seccións como Novas da Causa), coa intención de liderar un bloque social que integren por unha banda o campesiñado ao pé de profesionais e intelectuais e, pola outra, sectores industriais e de servizos que estean na periferia das clases hexemónicas a nivel estatal.

 

A maior abondamento, o galeguismo expresa o desexo de anchear o sistema galego de medios a un diario informativo que responda á tipoloxía da prensa de masas -o exemplo será o xornal Galicia, desaparecido so a ditadura de Primo de Rivera-, e téntao no albor da República, no intre en que os mecanismos do discurso xornalístico actívanse ao límite para a institucionalización da Nación coa comunicación como un dos activos estruturais. E anque ficou no borroso territorio do desexo, a opinión a favor dunha empresa que veña a editar un diario en galego que sae publicado no nadal do 1930 e que dera a coñecer o historiador Xavier Castro, comentábase deste xeito: contando coa mellor información, coas mellores plumas da terra e os mellores colaboradores de fóra traducidos, (o xornal) trunfaría e a pouco tempo faría avanzar dun xeito enorme a idea do galeguismo.

 

Acalado en xullo do 1936, ANT coñecerá unha etapa americana, editado polo exilio nos anos cincuenta en Bos Aires, e rexorde en 1977, na chamada Primeira Transición. Correspondeunos, naquel tempo, crear o proxecto e ser, por tres anos, a súa primeira directora. No seu número cero, ANT presentábase como un periódico semanal para informar, dicir a súa opinión, dar a palabra a grupos sociais invisíbeis e a determinados feitos silenciados ou escamoteados. Pola primeira vez na cultura mediática da Galiza íase publicar unha cabeceira informativa de liña editorial nacionalista. A interpretación e a escolla do real trataríanse como información e desde todas as posibilidades dos xéneros xornalísticos: entrevista, reportaxe, crónica política… e con todo tipo de materiais: foto, ilustracións, irrupción da tira coa sección ‘Os pés’ de Xaquín Marín… E como síntoma daquel tempo, ANT destacou pola independencia total das fontes oficiais e pola fiabilidade da fonte directa; polo xornalismo cunha clase social ao fondo, antimonopolista e anticaciquil, para alén do modo de entender a información como necesidade cultural, política e cidadá que pasaba polo unilingüismo e por recoller os sinais do que ficara en bango desde 1936.

 

Tal e como arestora recollemos aquel proxecto antigo dun diario galego.

 

1. Díaz-Polanco, Héctor, Tesis sobre diversidad, identidad y globalización, conferencia pronunciada o 28 xuño de 2007 na sede do Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela-Galiza

2. Pereiro, Dionisio (Coor.): O movemento obreiro en Galicia (1900- 1936), A Nosa Terra Ed, Vigo, 1995.

3. Cfr. «Política cultural» en A Trabe de Ouro, nº 74, tomo II, ano XIX, 2008, abril/maio/xuño.

 

[Este artigo foi publicado no monográfico especial sobre medios de comunicación editado por Sermos Galiza S.A. con motivo do 17 de maio baixo o título "A necesidade de O Diario Galego]