Xosé Ballesteros
Xosé Ballesteros

"É unha alegría poder acompañar esta iniciativa cultural e de comunicación"

XOSÉ BALLESTEROS, ESCRITOR E EDITOR

Xosé Ballesteros
Xosé Ballesteros

Conversamos con Xosé Ballesteros, escritor, editor, director editorial de Kalandraka e presidente da AGE (Asociación Galega de Editoras) ao redor do nacemento de O Diario Galego.

"É unha alegría poder acompañar esta iniciativa cultural e de comunicación"
"É unha alegría poder acompañar esta iniciativa cultural e de comunicación"

Que esperas de O Diario Galego?

 

O primeiro, celebrar a aparición dun xornal en galego en papel que vai cubrir un enorme baleiro. Moitos de nós estabamos coa esperanza de que algún día puideramos volver ler na nosa lingua. En segundo lugar, espero que poida encher ese espazo de orfandade no que estabamos situados e que achegue unha visión desde o país do que está a suceder no ámbito social, económico e cultural. A un país que non ten referentes de proximidade, unha visión desde a proximidade, fáltalle algo esencial que é poder tomar o pulso da actualidade, ser bebedores dun medio propio e estar sempre á espera do que conteñen outros medios cunha visión afastada da nosa realidade.

 

Por que é necesario?

 

Unha sociedade que non é quen de construír entre todos un medio de comunicación que asumamos como noso, é unha sociedade fracasada. É unha alegría poder acompañar esta iniciativa cultural e de comunicación, que reforce a nosa maneira de considerarnos sociedade. Unha sociedade con capacidade de afrontar os retos presentes e futuros e sobre todo que nos reforce como comunidade, como unha maneira de estar no mundo de xeito singular con respeito a outras. Nin mellor nin peor, simplemente distinta.

 

Que importancia podería ter este diario no ámbito lingüístico e na creación literaria?

 

É unha ferramenta absolutamente necesaria. A lingua galega é cada vez menos usada, debido ás distintas políticas lingüísticas erradas que mostran un fracaso na capacidade que temos como comunidade de manter un patrimonio simbólico e cultural. A aparición dun medio de comunicación en galego feito desde aquí posibilita que todos os ámbitos culturais mostra dese patrimonio e dese facer como sociedade poidan contar cunha visibilidade da que practicamente carecemos hoxe.

 

Os xornais habituais que agora mesmo se editan en Galiza son alleos a unha realidade cultural que existe en calquera recuncho do país e nas grandes cidades, do traballo dos que estamos no día a día publicando libros. Espero que ese Sermos que agora é semanal se prolongue en O Diario Galego que dedique e mime a cultura dos que estamos posibilitando un futuro de cultura propia.

 

[Podes subscribirte a O DIARIO GALEGO nesta ligazón. Precisamos 3 mil subscricións para que sexa unha realidade en 2019]