A Coruña, Soutomaior e Arzúa acollerán os primeiros actos de presentación

No que resta de mes e ao longo de todo xuño o proxecto para a saída de O Diario Galego en 2019 chegará a todas as comarcas do país con diversos actos convocados por asociacións culturais e de defensa da lingua co fin de dar a coñecer a iniciativa que frutificará no único diario en papel en galego que se publicará na Galiza.

A Coruña, Soutomaior e Arzúa acollerán os primeiros actos de presentación
A Coruña, Soutomaior e Arzúa acollerán os primeiros actos de presentación

Entidades culturais e sociais organizan os primeiros actos de presentación de O Diario Galego, que se desenvolverán ao longo do país nas próximas semanas. A sexta, 25 de maio, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda convoca todas as persoas que queiran coñecer de perto o proxecto para a saída de O Diario Galego ás 20 horas na Fundación Luís Seoane da Coruña (rúa San Francisco, 27), onde tomarán a palabra María Xosé Bravo, presidenta da asociación; Antón Reixa, músico e cineasta, e Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza, S.A.

 

Tamén a sexta, 25 de maio, terá lugar a presentación de O Diario Galego en Soutomaior. Organizado por Queremos Galego, será ás 21 horas no Multiusos de Arcade (rúa do Peirao, 8) e tomarán a palabra Ana Cabaleiro, escritora e xornalista, e María Obelleiro, directora do semanario Sermos Galiza.

 

O seguinte acto, convocado pola Mesa pola Normalización Lingüística, desenvolverase en Arzúa na terza feira, 29 de maio, ás 20.30 horas. Intervirán, na Capela da Madalena (rúa Cima do Lugar, s/n), Lucía López Sobrado, socia da Mesa; Isabel Risco, actriz, e Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza, S.A.

 

Sorteo

 

Na campaña de promoción de O Diario Galego, Sermos Galiza, S.A. sortea unha fin de semana (aloxamento e almorzo para dúas persoas) no Pazo da Pena (Manzaneda) entre as persoas que se subscriban antes do 30 de xuño. Tamén entran no sorteo quen se subscribiron a O Diario Galego desde xaneiro. As bases están dispoñíbeis na web odiariogalego.gal.