[Imaxe: Laura R. Cuba] Xoán Costa
[Imaxe: Laura R. Cuba] Xoán Costa

“Un diario galego é necesario e posíbel”

XOÁN COSTA, PRESIDENTE DO CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN DE SERMOS GALIZA

[Imaxe: Laura R. Cuba] Xoán Costa
[Imaxe: Laura R. Cuba] Xoán Costa

O presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza, S.A., Xoán Costa, explica nesta entrevista os resultados da campaña de promoción de Sermos O Diario Galego e as liñas de traballo en que se insistirá nos próximos meses co obxectivo de acadar a 31 de decembro de 2018 as 3.000 subscricións necesarias para poñer en andamento o xornal en 2019.

“Un diario galego é necesario e posíbel”
“Un diario galego é necesario e posíbel”

Que lectura fai do número de presubscricións logradas nos últimos meses?

 

Cando lanzamos o proxecto, estabelecemos en 3.000 o número mínimo de subscricións e abrimos en prazo para as conseguirmos. Un prazo que ía de febreiro a xullo. Na realidade non comezamos a campaña pública até o 17 de maio, coa edición dun número especial e os actos de presentación comezaron o 25 de maio. Neste contexto, a lectura que hai que facer creo que ten que ser positiva a pesar de o resultado a 31 de xullo estar por baixo do inicialmente marcado.

Sabemos que o resultado en si está moi por debaixo das posibilidades da sociedade galega mais superarmos o 50% das subscricións estimadas como necesarias para a saída do diario é un logro importante.

 

Que balance fai da campaña de promoción de Sermos O Diario Galego á que vén de aludir?

 

A campaña permitiunos pór sobre a mesa non só a necesidade de contarmos cun xornal diario en papel e en galego mais tamén constatar as eivas do sistema de medios que actúan na Galiza. Os comentarios e as valoracións saídas dos actos de presentación, así como as valoracións realizadas en comentarios nas redes sociais e as manifestadas polas persoas do grupo impulsor que participaron nas entrevistas en vídeo ou escritas confirman que, á marxe do resultado, esta campaña era necesaria.

 

Realizaron 50 actos e chegaron a máis de 2 mil persoas de maneira directa a través das presentacións. Cales foron as sensacións co público? Que lles achegaron neses actos?

 

Realizamos 50 actos en 60 días cunha media de asistencia aos actos de 40 persoas. Por toda a parte encontramos a mesma sensación: non é normal que na Galiza haxa máis de dez cabeceiras diarias en español e ningunha en galego. Faise necesario reverter esa situación. Esa era a sensación unánime, para alén de que logo a situación particular de cada quen lle permitise apoiar economicamente o proxecto a través da subscrición.

 

Marcáranse conseguir as 3.000 subscricións até o 31 de xullo. Por que deciden ampliar ese prazo?

 

Por varias razóns. A primeira porque en moitos dos actos realizados se nos pedía máis tempo para explicar o proxecto. A segunda por respecto ao compromiso manifestado por esas máis de 1.500 persoas que se subscreberon a 31 de xullo e a terceira porque para nós a data de 31 de xullo era máis un medidor do que unha meta en si. Nós sempre dixemos que tiñamos que conseguir as subscricións en 2018 para saír en 2019. E seguimos mantendo ese compromiso e ese obxectivo até o final de 2018.

 

Reforzan que é posíbel e necesario un diario en papel e, obxectivamente, é completamente anormal que Galiza non conte cunha publicación desas características.

 

É necesario e é posíbel. E só depende de nós conseguírmolo. Por iso a anormalidade de que fala é aínda máis anormalidade. Revertela só depende de nós.

 

Que depararán os próximos meses a nivel promoción do diario?

 

Continuaremos achegando o proxecto á xente en función das nosas capacidades, tanto humanas como económicas. Prepararemos un número cero do diario que se aproxime, quer na estética quer nos contidos, o máis posíbel a un número real. Mais sobre todo. continuaremos traballando, poderíamos dicer que "boca a boca" para garantir eses 3.000 compromisos de subscrición a 31 de decembro

 

Cando se poría en marcha se a 31 de decembro se conseguen as subscricións?

 

O noso obxectivo de partida foi sempre ter o diario en 2019. Sabemos que necesitamos un mínimo de seis meses para a contratación de persoal, para o deseño final ou o estabelecemento doutras colaboracións, sen esquecer a contratación de publicidade. Por iso, se a 31 de decembro temos 3.000 subscricións o diario sairía no segundo semestre do ano.

 

Se non se conseguen, que vai acontecer?

 

Pois que Galiza seguirá nunha situación anómala e non seremos nós quen conte a nosa historia, serán outros a contar. Mais teño a certeza de que esa situación non se vai dar e que teremos un diario en papel en 2019, saíndo cinco días á semana e co actual semanario Sermos Galiza transformado en suplemento de fin de semana. Para isto, só é preciso cubrir a folla de subscrición sabendo que non se vai cobrar nada a ninguén até que teñamos as 3.000 subscricións para poder saír con garantías de viabilidade.

 

 

A subscrición

Sermos Galiza, S.A. aspira a obter un mínimo de 3.000 persoas que se comprometan a se faceren asinantes de Sermos O Diario Galego. Só así se logrará a estabilidade financeira precisa para afrontar os custos da edición do diario no papel e na web. O cargo só se pasará ao cobro en 2019 e de se conseguir o obxectivo mínimo das 3.000 subscricións, o que significa que subscribirse na actualidade non supón custo ningún até o ano que vén. De non sumar as 3.000 sinaturas, non se cobraría ren.

Sermos Galiza S.A. pon a disposición das persoas interesadas diversas fórmulas de pagamento e diversas modalidades de subscrición, que poden consultarse en www.odiariogalego.gal, no apartado “Subscrición”.

O diario, de 32 páxinas a cor, sairá cinco días á semana e os sábados incluirá o semanario Sermos Galiza a modo de suplemento.