Inditex gañou 1.932 millóns de euros e aproba a entrega de beneficios

Para a multinacional con sede en Arteixo non hai crise. No último exercicio fiscal gañou 1.932 millóns de euros. O consello de administración aprobou a entrega de beneficios.
Inditex
photo_camera Inditex

O grupo téxtil Inditex distribuirá entre os seus accionistas a partir de hoxe un total de 560,99 millóns de euros en concepto de dividendo ordinario a conta, a razón de 0,90 euros brutos por acción. O fundador da compañía, Amancio Ortega, ingresará 332,64 millóns de euros, xa que ten o 59,294% do capital. O presidente do grupo, Pablo Isla, levará preto de 325.000 euros polas 361.064 accións que controla, representantivas do 0,058% do capital.
Este dividendo forma parte da retribución ao conxunto de accionistas aprobada polo consello de administración para o presente exercicio, que sumará un importe total de 1,80 euros por título, un 12,5% superior ao do ano anterior.
Desta cantidade primeiro pagaranse 0,90 euros por acción como dividendo a conta, logo no mes de novembro se repartirán 0,90 euros por acción en concepto tanto de dividendo complementario como de dividendo extraordinario.
O presidente e conselleiro delegado de Inditex, Pablo Isla, é o executivo mellor pagado do Estado español. O ano pasado percibiu unha remuneración de 4,3 millóns de euros. Ademais a xunta de accionistas de Inditex aprobou un plan para entregarlle 221.264 accións da compañía valorado, a prezos actuais de mercado, en 15,8 millóns de euros.

O presidente e conselleiro delegado de Inditex cobra 4,3 millóns de euros

Inversión en Catalunya
Inditex apostou por Catalunya para situar o centro loxístico de Massimo Dutti. Na localidade de Tordera inaugurarase antes do verán un impresionante complexo en que investirá 190 millóns de euros. A previsión do xigante téxtil é xerar de forma directa 500 novos postos de traballo.
Con presenza en 82 mercados con máis de 5.500 tendas dos seus oito formatos comerciais (Zara, Pull&Bear, Massimo Dutti, Bershka, Stradivarius, Oysho, Zara Home e Uterqüe), a multinacional gañou 1.932 millóns de euros no último exercicio fiscal, un 12% máis, e elevou as súas vendas un 10%, até 13.793 millóns. O grupo propietario de Zara prevé investir durante o exercicio en curso 950 millóns de euros e incrementar a súa superficie comercial dentro dun rango de entre 480 e 520 novas tendas, con que superará os 6.000 establecementos.

Comentarios