Francisco Jorquera
Francisco Jorquera

"É fundamental O Diario Galego como ferramenta normalizadora"

FRANCISCO JORQUERA, PRESIDENTE DA FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE

Francisco Jorquera
Francisco Jorquera

O presidente da Fundación Galiza Sempre, Francisco Jorquera, explícanos por que ve necesario o nacemento de O Diario Galego.

"É fundamental O Diario Galego como ferramenta normalizadora"
"É fundamental O Diario Galego como ferramenta normalizadora"

Que esperas de O Diario Galego?

 

Que saia á luz e se consolide. É un proxecto ambicioso, creo que os propios promotores son conscientes de que ten riscos, pero na vida é necesario moitas veces arriscar. Creo que para o país, para a súa normalización cultural e política é imprescindíbel que cristalicen medios de comunicación en galego e que sitúen Galiza como marco de referencia principal. Que proxecten unha visión do mundo desde unha óptica galega centrada na nosa visión como país.

 

Por que é necesario?

 

En primeiro lugar, como vehículo de normalización do noso idioma. Os medios de comunicación son fundamentais na normalización dun idioma e o galego cada vez ocupa un lugar máis marxinal. Necesitamos un medio que utilice como lingua vehicular o galego e que non lle asine un papel residual. Agás o Sermos Galiza e algunha revista cunha periodicidade máis ampla, o galego está orfo de medios escritos.

 

En segundo lugar, para a normalización dun país desde un punto de vista social é imprescindíbel que haxa un medio que teña ao país como marco de referencia. Isto non significa que a información estea acotada a Galiza e que problemas de índole internacional, por exemplo, estean libres de tratamento.

 

A prensa escrita que se distribúe en Galiza é prensa española ou prensa galega imitadora da primeira: no enfoque da información, nos contidos, no idioma que utilizan… por iso é fundamental un diario galego como ferramenta normalizadora.

 

Á marxe diso, practicamente toda a prensa escrita na Galiza está moi vencellada ao poder estabelecido e á dereita política e económica. Necesitamos medios alternativos, amplos e plurais, que opten por un futuro político distinto con referencias diversas.

 

Que podería achegar O Diario Galego na comunicación política?

 

Todo o que contribúa a vencer un status quo, un pensamento único imperante nos medios de comunicación, en si mesmo xa é positivo. Agardo que O Diario Galego siga o exemplo do Sermos trasladado á prensa diaria. Que sexa un diario aberto, plural pero ao mesmo tempo un diario de intereses galegos de orientación nacionalista. Que trate os temas con rigor e cuestione o que a prensa convencional considera secundario, sendo obxecto de tratamento no futuro diario galego.

 

[Podes subscribirte a O DIARIO GALEGO nesta ligazón. Precisamos 3 mil apoios]