OBITUARIO

Morreu Tomás Borge, comandante da revolución en Nicaragua

O fundador da Fronte Sandinista de Liberación Nacional era o único sobrevivente da insurrección popular contra a dinastía dos Somoza, en 1979, e formou parte do goberno que veu despois da ditadura

O fundador da Fronte Sandinista de Liberación Nacional --FSLN-- de Nicaragua, Tomás Borge, morreu nesta terza feira aos 81 anos, tras ficar un mes hospitalizado por unha complicación no post-operatorio dunha intervención de tórax debida a unha afección pulmonar.

O comandante Borge, como era coñecido, foi o único dos integrantes iniciais da FSLN --creado en 1961-- que sobreviviu á insurrección popular que a organización encabezou en 1979 contra a dinastía dos Somoza, que gobernaron Nicaragua durante case medio século.

Despois da ditadura, este "intelectual de frutífera vida revolucionaria ao servizo do pobo", como se referiu a el a voceira do Goberno, Rosario Murillo, nunha emisora de radio, formou parte da Dirección Nacional da FSLN, que dirixiu o proceso revolucionario, e foi ministro do Interior --ministro da Gobernación-- durante unha década de goberno sandinista, entre 1979 e 1990. "Tomás é deses mortos que non morren nunca", concluíu Murillo ante os micros, na comparecencia do Goberno para informar do pasamento.

Máis en Mundo
Comentarios