Fran Alonso
Fran Alonso

"Unha sociedade sen medios propios é unha sociedade muda"

FRAN ALONSO. ESCRITOR, EDITOR E XORNALISTA

Fran Alonso
Fran Alonso

Falamos con Fran Alonso, escritor, editor e xornalista, sobre a posta en marcha do proxecto para a saída de O Diario Galego.

"Unha sociedade sen medios propios é unha sociedade muda"
"Unha sociedade sen medios propios é unha sociedade muda"

Que esperas de O Diario Galego?

 

Un medio que por fin sexa espello da sociedade galega, que non oculte a identidade do país, que teña voz propia e sobre todo, que sexa independente e crítico. A sociedade constrúese en boa medida a partir do poder que irradian os medios. Ás veces adoecemos dese poder que xoga en contra da nosa identidade, que nos invisibiliza e oculta.

 

Por que o consideras necesario?

 

Unha sociedade sen medios propios é unha sociedade muda, silenciada e sen capacidade para falar. Unha sociedade que non é capaz de xerar os seus propios medios e que estes traballen na súa lingua, nega a súa identidade e fala cunha voz imposta. Por iso é fundamental O Diario Galego.

 

Que importancia ou que impulso podería achegar O Diario Galego á creación literaria galega?

 

As cifras da edición do libro galego delatan unha triste realidade. Sen plataformas e escaparates de apoio dificilmente avanzaremos. Temos un problema moi serio de visibilidade e recoñecemento social que pode superarse co apoio das institucións, pero sobre todo co recoñecemento dos medios. É necesario que estes apoien e sexan plataformas para achegarse ao público, creando espazos de debate, reflexión e conexión cos lectores. Espazos onde lectores e lectoras poidan ir buscar orientación e información sobre o que se publica, sobre as tendencias e sobre todo para ver e recoñecer o mundo a través da edición en lingua propia. O libro galego non avanzará mentres a nosa lingua non se normalice, e o éxito do primeiro está inequivocamente ligado ao segundo. Un medio galego con identidade sempre apoiará máis o noso libro que un medio externo.