"Ti contas", un suplemento especial sobre "O Diario Galego"

Con este número 296 do semanario Sermos Galiza repártese un suplemento especial de 64 páxinas no sobre o proxecto de ‘O Diario Galego’, e por iso mesmo tamén é un especial sobre o xornalismo, a sociedade e o noso país. O número 296 do semanario, xa na nosa loxa

"Ti contas", un suplemento especial sobre "O Diario Galego"
"Ti contas", un suplemento especial sobre "O Diario Galego"

O semanario Sermos Galiza vén acompañado no seu número 296 co suplemento de 64 páxinas, Sermos O diario galego. Ti contas, con diferentes voces e perspectivas sobre os medios de comunicación na Galiza. Un suplemento enfocado a lograr un proxecto xornalístico diario e na nosa lingua. Deste especial tíranse 5.000 exemplares que, ademais de se distribuír con este número  do semanario, repartiranse esta quinta feira entre as persoas asistentes á  manifestación de Queremos Galego.

 

O suplemento acolle unha entrevista con Xoán Costa, presidente do Consello de Administración e conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A: “O Diario Galego é parte do porvir de Galiza”. Tamén falamos con Martxelo Otamendi, director doBerria, xornal integramente en euskera, que afirma que “a información bilingüe é un fracaso”. Outra voz entrevistada neste caderno é Esther Vera, directora do Ara, unha peza fulcral no puxante espazo catalán de comunicación. “O papel sempre manda moito”, sentenza. Màrio Ramires, director do i e do Sol completa as entrevistas do caderno. “Acreditamos muito na informaçao própria”.

 

‘Un xornal para a liberdade e a reflexión’ é o artigo de Tareixa Navaza, unha peza na que acredita en que O Diario Galego “vai iluminar o debate democrático”, un diario para que as lectoras e lectores poidan deterse “a reler, reflexionar e buscar explicacións”.

 

A profesora da USC Margarida Ledo Andión fai a pregunta e atopa a resposta ‘Un diario en galego? Si, grazas’. “A lingua é un sistema de pensamento, de visión, que reforza ou pode esfarelar o vencello social”, explica no seu  artigo, no que aponta como os medios “son un síntoma do estado xeral dunha sociedade”.

 

“Outra prensa é posíbel… e necesaria”. O xornalista Erik Dobaño considera que “o letorado non baixou, hai que dar con el” lembra nunha peza na que indica que “o poder político determinou a funcionalidade dos medios, que están ao seu servizo”. O profesor da USC Xosé López fálanos dun ‘Sistema mediático en mudanza’, no que “sopran entos que poden abrir espazos para un cambio nas industrias culturais”. O xornalista Manuel Vilas aborda as subvencións, convenios e publicidade cos medios de comunicación. ‘Quen paga, manda’. Pon sobre a mesa datos para entender a realidade mediática galega, como que 90% das axudas da Xunta aos medios repartouse á marxe das convocatorias de subvencións do DOG.