O grupo promotor da manifestación “Pola unidade” que partirá o vindeiro 25 de xullo ás 12 da mañá desde a Alameda de Compostela promove, a través da rede, unha convocatoria aberta para se anotar as persoas que queiran portar a faixa da cabeceira ou ir inmediatamente detrás. A única condición que sinalan para ocupar eses postos iniciais é que non se poderán levar simboloxías partidarias ou que non responda “ao espírito inclusivo da convocatoria”.
Na faixa inicial, como anunciaron en rolda de prensa, poderase ler só o lema “A nación galega”, sen ningún logotipo nin símbolo. Representantes do grupo promotor convidaron a pasada sexta feira a organizacións, entidades, asociacións e a toda a cidadanía a participar nunha convocatoria que quere ser “de unidade e multitudinaria”. Desde a páxina tamén se poden descargar cartaces e logotipos, tamén para mudar o perfil de twitter.