O BNG rexistrará no Parlamento unha lei de creación da Valedoría da Igualdade

A portavoz nacionalista participou nun encontro de mulleres sobre política municipal e nacional
Ana Pontón no encontro mulleres do BNG hoxe en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón no encontro mulleres do BNG hoxe en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asistiu a unha xornada de traballo con máis dun cento de mulleres do BNG impulsada en Santiago de Compostela este domingo, a poucos días do 8 de marzo, para facer balance e pór en común o traballo político dos próximos meses, tanto a nivel municipal como nacional. “Esta xuntanza é só unha mostra do noso compromiso firme coa igualdade e os dereitos das mulleres os 365 días do ano”, indicou a líder do bloque nacionalista.

Pontón declarou que “no BNG, entendemos que a actuación municipal debe desenvolverse en tres áreas: na participación e o acceso á información e aos recursos,  na promoción da igualdade entre homes e mulleres, e na abordaxe integral da violencia de xénero”.

Por iso desde o BNG sinalaron que porán en marcha novas medidas, como a aprobación de Plans de igualdade municipais, utilizando todos os recursos que sexan precisos para a súa difusión, implantación e avaliación. Ademais, a portavoz do BNG avanzou a posta en marcha dunha lei para a introdución de cláusulas sociais e de igualdade nos procesos de contratación pública. “Isto é algo que o BNG xa fixo durante este mandato no Concello de Moaña e que imos estender ao conxunto de concellos galegos a través dunha lei marco que abranga o conxunto da administración galega”, declarou.

Con respecto a isto, Pontón alertou tamén da necesidade de introducir a perspectiva de xénero de maneira transversal na xestión municipal, de combater a fenda salarial, de garantir a existencia de plans de igualdade nas empresas e de promover a conciliación e a corresponsabilidade.

Pontón puxo de manifesto a importancia de seguir avanzando en igualdade e construíndo unha Galiza máis xusta e democrática, tamén para as mulleres, polo que indicou que “é fundamental deseñar unha axenda feminista galega. Unha folla de ruta coa que seguir ampliando dereitos e construíndo a Galiza da igualdade: concello a concello, vila a vila”.

Creación da Valedoría de Igualdade

Desde o BNG impulsáronse "grandes avances lexislativos que fixeron e fan da Galiza un país á vangarda en materia de dereitos das mulleres e políticas feministas", sosteñen desde o partido. “Aprobamos a Lei de violencia machista de 2007, unha lei vangardista impulsada por Carme Adán, como Secretaria Xeral de Igualdade, a Lei de violencia vicaria ou a Lei Ángeles Alvariño, sobre igualdade na ciencia e a investigación”, lembrou Pontón.

Ademais, os concellos do BNG “son referentes en políticas feministas” de distintas formas: a través do reforzo dos servizos públicos municipais de atención ás mulleres, da creación de Consellos de participación; da introdución da perspectiva de xénero en todos os programas ou do impulso de campañas pioneiras como PrimAcoso, coa que visibilizar violencias machistas invisibilizadas.

Da mesma forma, indicou que o BNG seguirá avanzando e poñendo o foco nas desigualdades e discriminacións que sofren as mulleres tamén a nivel nacional. Por iso, a próxima semana a formación nacionalista rexistrará no Parlamento a Lei de creación da Valedoría da Igualdade, un organismo autónomo que velará polo respecto e a garantía dos dereitos das mulleres no sector privado, con capacidade para impulsar sancións ante situacións de discriminación por razón de xénero.

“Trátase dun organismo público que existe desde hai anos nos países nórdicos, cuxa creación recomendan as institucións europeas, e co que queremos situar a Galiza nos máis altos estándares de defensa da igualdade” manifestou a portavoz do BNG.

Medidas para rematar coa desigualdade

Pontón asegurou que “ningún dereito está asegurado se non se defende día a día”. Segundo os datos expostos polo BNG, na actualidade, as mulleres galegas cobran máis de 4.000 euros menos que os homes, soportan unha maior precariedade laboral que os homes, asinan o 77% dos contratos a tempo parcial, perciben unhas pensións 25,7% máis baixas que as dos homes e, mentres o risco de pobreza descendeu no último ano entre os homes, entre as mulleres aumentou; hoxe hai 8.000 galegas máis que non poden chegar a fin de mes.

“Esta situación non é casual e deriva dunha situación de discriminación e dun feito material, medíbel e cuantificábel”, indicou a líder do BNG; “porque as mulleres soportamos máis paro, máis temporalidade e máis parcialidade que os homes”.

A desigualdade de xénero empobécrenos como mulleres e como sociedade” concluíu, poñendo de manifesto que “por iso estamos todas nós hoxe aquí. Para seguir traballando por unha sociedade de iguais na que as mulleres sexamos cidadás de primeira”.

Comentarios