O Grupo Popular pedirá o apoio do Parlamento galego á implantación da celulosa de Altri en Palas de Rei

Pazos quixo trasladar "unha mensaxe de tranquilidade a todos os galegos ante o alarmismo inxustificado que queren transmitir o BNG e as súas organizacións satélites que, desde unha análise parcial e distorsionada da realidade, se opoñen agora ao proxecto Altri".
O portavoz do grupo popular no Parlamento, Alberto Pazos Couñago.
photo_camera O portavoz do grupo popular no Parlamento, Alberto Pazos Couñago.

O Grupo Popular solicitará, mediante proposición non de lei, o apoio do Parlamento da Galiza para a implantación da iniciativa empresarial Altri en Palas de Rei.

Así, e segundo explican nun comunicado, instarán á Xunta a dar prioridade a un proxecto que cualifican de "interese estratéxico", "garantindo sempre o cumprimento da máis estrita normativa ambiental, técnica e sectorial a nivel galego, estatal e europeo".

Así mesmo, solicitan ao Goberno de España que concrete as liñas de apoio económico a esta iniciativa industrial no marco dos fondos europeos Next Generation e que inclúa a construción dunha subestación eléctrica na planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica 2021-2026. para a subministración desta planta.

 

No comunicado, o portavoz popular, Alberto Pazos, lembra que o proxecto Altri en Palas de Rei é “unha iniciativa impulsora, innovadora e ambiciosa, baseada na transformación da madeira para producir lyocell, un tecido de gran calidade e 100% biodegradábel, máis ecolóxica que as fibras artificiais e cada vez máis demandada pola industria téxtil en todo o mundo”.

“Avogamos por promover a implantación na Galiza de todas aquelas iniciativas empresariais que supoñan novos investimentos na nosa comunidade e a creación de postos de traballo, pero sempre que cumpran estritamente todas as normativas galegas, estatais e europeas para a conservación do noso patrimonio natural e cultural", asegurou Pazos.

O voceiro popular insiste en que este proxecto "supón unha oportunidade para o desenvolvemento industrial da Galiza", xa que prevé un investimento próximo aos 1.000 millóns de euros e a creación de até 4.000 postos de traballo durante a súa construción e até 2.500 postos de traballo no seu funcionamento.

 

Así, Pazos quixo trasladar "unha mensaxe de tranquilidade a todos os galegos ante o alarmismo inxustificado que queren transmitir o BNG e as súas organizacións satélites que, desde unha análise parcial e distorsionada da realidade, se opoñen agora ao proxecto Altri".

A este respecto, apuntou que antes das eleccións autonómicas "o apoiaban en iniciativas debatidas tanto no Parlamento como en diferentes concellos galegos".

Comentarios