Entrevista

Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas (PP): "Non se pode vivir da crítica do pasado, vou gobernar aportando solucións"

Nunha Corporación con seis forzas políticas (BNG, con 6; ACIP, con 4, PSdeG, con 2, Ponteareas en Común, con 1 e IP, con 1) a popular Nava Castro (Ponteareas, 1969) goberna con sete concellarías e o representante de Independentes de Ponteareas (IP), Mingos Freitas (denunciado xudicialmente por insultar no pleno un representante do BNG, “cala ti, parapléxico!”). Pasaron cen días e segue no aire a posibilidade dun acordo de lexislatura con Alternativa Ciudadana de Ponteareas (ACIP), que viu rexeitada a proposta de alternar na alcaldía en dous anos.
Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas. (Foto: Xan Carballa).
photo_camera Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas. (Foto: Xan Carballa)

—O panorama político fragmentado fixo que saíra electa como cabeza da lista máis votada, cun pacto menor con IP, que a mantén en minoría no pleno. Despois de 100 días, como goberna nesa situación?
O primeiro foi abordar asuntos de moita urxencia nas parroquias, con rozas por facer e a xente de vacacións. Un comezo caótico que se encarreirou axiña coas delegacións constituídas e abordando as festas. Tamén tivemos que acondicionar A Freixa, unha praia fluvial de referencia para toda a área metropolitana que estaba abandonada e que seguiremos coidando con agarimo, e tamén o cámping, todos recursos turísticos atractivos para quen nos visitan.

A situación é complexa porque somos moitas forzas políticas, pero aínda que a estabilidade é importante a lei permite traballar no día a día en competencias que non son exclusivas do pleno. Ao pleno haberá que levar propostas e tentar sacalas adiante. Esa é a nosa responsabilidade.

—Pero mantense a posibilidade de pacto de lexislatura con ACIP?
O acordo de goberno está posto enriba da mesa desde o primeiro momento, non caeu. Pero son dúas forzas as que se teñen que pór de acordo, non pode decidir ninguén unilateralmente. Neste momento non hai nada e levar uns orzamentos para 2024 ao pleno non me asusta. Levarémolos despois de reunirnos con todos os grupos políticos para tentar sacalos adiante.

—Vostede tamén formou parte en tempos dunha agrupación política veciñal que se escindiu e cos anos volveu ao PP. Por que hai esa variedade de opcións políticas na dereita en Ponteareas?
A variedade política non é exclusiva de Ponteareas. Hai moitas forzas que aparecen e desaparecen. Por exemplo, En Marea foi escisión e xa non existe como tal, e tamén nacen e desaparecen forzas, como nos casos de Ciudadanos e UPyD. Hai conxunturas en cada momento, pero para poder achegarse dúas forzas, ambas teñen que pór interese.

Nós estamos estreándonos, topámonos un orzamento prorrogado e unha partida insuficiente para acometer o gasto eléctrico do concello

—Nesta semanas veñen facendo críticas á herdanza que recibiron, aínda que Ponteareas ten xa un histórico de graves dificultades económicas, perto do abismo da intervención.
O histórico xa pasou. Imaxine que todos nos poñemos a lembrar que antes non había ponte de Rande e se cruzaba ao Morrazo en barco, pero a ponte está. O PP estivo gobernando até 2015 e desde aquela puidéronse facer moitas cousas e de nada serve vivir da crítica do pasado. Nós estamos estreándonos, e topámonos un orzamento prorrogado, unha partida insuficiente para acometer o gasto eléctrico do concello, que supón un millón de euros ao ano e só contaba cunha partida de 300.000 euros. Non podo dicir só que iso vén de atrás, terei que pór solución e evitar cortes no subministro. Así é como vou gobernar, tentando procurar solucións.

—E nese panorama, cales son as prioridades que se marca para Ponteareas?
Moitas partidas, como a de saneamento, son plurianuais… A prioridade é ter cartos abondo para pagar todos os servizos básicos (lixo, limpeza viaria, alumeado, centros escolares, sociais e residencias….) e se despois hai cartos para proxectos a maiores, farémolos. O primeiro son os gastos ordinarios.

Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas. (Foto: Xan Carballa)
Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas. (Foto: Xan Carballa)

—Axudaría que as áreas metropolitanas asumisen máis servizos?
Agora está o transporte mancomunado e nós estaríamos encantados, pero non estamos e non queren abrilo. O Porriño e Mos si están e iso facilitaría, por exemplo, o transporte ás praias. Despois, está a realidade do Consorcio do Baixo Miño, que ten unha depuradora de augas na que todos verten. Temos que traballar para buscar acordos… pero levamos apenas cen días e estamos apagando lumes. Sen deixar a ambición de ampliar a residencia que temos e de facer unha nova, de recuperar servizos de atención temperá, apoio psicopedagóxico ou logopedia, que se anularon.

—Vostede é tamén deputada provincial, e agora tanto nesa institución como na Xunta da Galiza goberna o PP. Parece que todo lle será máis doado.  
Ímolo ver, porque a Deputación está como os concellos, arrincando. Todo o que saia para Ponteareas será bo. Aproveitaremos todos os cartos que xa nos corresponden obrigatoriamente e formularemos novos proxectos. Pero moitos terán que ir a pleno e gustaríanos que saísen por unanimidade. O outro día no proxecto do saneamento de Ribadetea e a circunvalación á N-120 estabamos todos de acordo. Creo que podemos alcanzar acordos en todo o que faga mellorar o concello.

—Dicíame que o pasado xa foi pero vostede tivo un pequeno período en 2003 como alcaldesa. Como mudaron as cousas neste regreso?
Hai moitas maneiras de facer política. Eu son unha persoa práctica, ambiciosa para o concello e con capacidade de buscar recursos en calquera lugar, independentemente de quen goberne cada administración. Tamén con organismos privados e particulares, porque a solidariedade pode levar moita xente a colaborar. Penso agora no falecido Feliciano Barrera, que foi un gran valedor de Ponteareas e axudou moito. Sempre hai xente xenerosa que, a través de mecenados, pode axudar a diferentes colectivos. Andarémolo co tempo.

Hai que ir na procura dun turismo de calidade sen temor a pór límites para preservar os recursos

—Citou o caso da Freixa como motor turístico. As súas responsabilidades nestes anos na Xunta da Galiza tiñan que ver con esa materia. Nesa cuestión hai un debate permanente entre turismo de cantidade ou de calidade.
Incuestionabelmente, hai que ir pola procura da calidade. E se hai que pór freo, faise. Fixémolo na praia das Catedrais ou no Parque Atlántico-Illas Cíes, limitando a ocupación. Nós, en Galiza, estamos acostumados a ter espazo suficiente, non estarmos saturados. E na nosa forma de ser está fuxir desa masificación, asústanos.

Cando estudamos os fluxos no Camiño de Santiago, atopamos que os que ían polo Camiño Francés en agosto tiñan un perfil de querer atopar moita xente, e sen embargo outra xente prefería desfrutar a esencia da ruta xacobea e escollía outros percorridos, como a Vía da Prata, fóra de tempo estival, por exemplo. Aquí, se os recursos que temos se fraxilizan, saberemos preservalos.

—As masificacións que se producen, por exemplo, en Compostela, un dos centros turísticos do país, son un auténtico problema.
As restricións pódense aplicar alí onde se precisen. Hai mecanismos, por exemplo diversificando fluxos. Compostela ten picos intensos no verán que poden ser moi molestos, pero pensa que a ocupación media anual é dun 50%, e aínda hai marxe para traballar.

—No caso de Ponteareas, o turismo pode ser un motor económico?
Nós traballamos como xeodestino Condado-Paradanta, porque Ponteareas por si soa non permite estanzas longas, pero ampliando a visión xeográfica a oferta pode ser útil: Mondariz ten o balneario, temos o conxunto verde das dez comarcas, as diferentes festas de interese turístico ou as pesqueiras de Arbo, Salvaterra e Crecente, o Suído en Covelo…. estamos nunha zona que se pode agrupar para gozar en diferentes días.

Ponteareas ten moito por facer, contamos con pouca planta hoteleira e falta de oferta turística organizada. Para iso hai que incentivar e promover, e niso temos un camiño moi interesante a percorrer, sempre que o fagamos en conxunto, se non, será moi difícil. Son ambiciosa, pero tamén realista. 

Para nós o comercio é un dos nosos puntos fortes e queremos traballar en potencialo. Estudar como atraelo con redución de taxas e outros incentivos. Pero tamén queremos estender eses estímulos á adquisición e rehabilitación de vivendas no rural, moita en abandono, porque estamos perto dunha cidade grande como Vigo e Ponteareas pode ser atractiva para moita xente vivir aquí, por iso a implantación universal da fibra é tan importante para teletraballar e estudar. Ponteareas pode ser unha oportunidade para toda esa xente que pode rehabilitar vivenda, e faremos política que facilite a chegada de novos veciños e veciñas.

Comentarios