A Subdelegación do goberno español na Coruña iniciou un expediente sancionador contra oito persoas pola acción de resistencia que centos protagonizaron o 18 de febreiro no nº9 da rúa Padre Feijóo, o portal da veciña de 85 anos Aurelia Rey, para quen fora ditada unha orde de despexo e debía abandonar o inmoble en que levaba vivindo máis de trinta anos. A presión popular conseguiu evitar o desafiuzamento até en dúas ocasións en poucas horas.
Porén, se primeiro o delegado do executivo español na Galiza, Samuel Juárez, negou as cargas policiais que se produciron, fotografadas por ducias de obxectivos e onde tanto o deputado Francisco Jorquera como os edís na Coruña Xosé Manuel Carril (BNG) e César Santiso (EU) recibiron golpes dos antidisturbios, agora os tres recibirán senllas notificacións após a denuncia que contra eles presentou a policía española.
Tamén haberá expediente para o bombeiro que se negou a cortar a cadea do portal de Aurelia Rey, impedindo así o despexo, e para o responsábel comarcal da CIG, Paulo Carril, e outras tres persoas cuxa identidade non transcendeu. Para tod@s el@s a sanción é de 600 euros.
Así as cousas, e sempre segundo a información publicada polo xornal coruñés La Voz de Galicia (as persoas expedientadas non recibiron aínda notificación da Subdelegación do goberno español) a proposta de sanción sinala que a concentración era "ilegal" porque quen quixo impedir que a anciá quedara na rúa non pediu os permisos necesarios.
Aliás, Francisco Jorquera, voceiro parlamentar do BNG, foi denunciado porque a policía española considera que era el "a cabeza visíbel" da manifestación e que "empurrou os policías impedindo a actuación da comisión que actuaba baixo unha orde xudicial". Din que a actitude do nacionalista é unha infracción grave e tipifícana como "provocación de reaccións do público que poden alterar a seguridade cidadá".
Pola "resistencia activa á comisión xudicial" foron denunciados os edís Carril e Santiso, dos que tamén di a proposta de denuncia que desobedeceron as indicacións da policía.
Para alén desta sanción contra oito persoas, a comisaría da Coruña remitirá outras tres denuncias á fiscalía en que aprecia a comisión dun delito por teren obstaculizado o acceso ao edificio formando unha cadea humana que, segundo a policía española, "puña en risco a seguridade dos veciños do edificio".