A Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal avanza na redacción do Estatuto do Traballador Transfronteirizo

A CIG fica excluída da reunión para negociar este marco laboral.
Reunión na sede da Eurorrexión (Foto: Xunta / AECT Galiza-Norte de Portugal).
photo_camera Reunión na sede da Eurorrexión (Foto: Xunta / AECT Galiza-Norte de Portugal).

Axentes sociais e institucións reuníronse esta terza feira na sede da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal para avanzar na redacción do chamado Estatuto do Traballador Transfronteirizo, coa idea de entregar o documento aos Gobernos español e portugués antes da próxima Cimeira Ibérico, que está prevista para outubro.

Porén, desta reunión ficou excluída a principal forza sindical da Galiza, a CIG. A organización non foi convidada a formar parte do Consello Sindical Interrexional Galiza-Norte de Portugal, nunha xuntanza da que si participou a Confederación de Empresarios da Galiza (CEG). 

Ademais, tamén estiveron presentes o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (UE), Jesús Gamallo; representantes da Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración; representantes do Instituto do Emprego e Formaçao Profissional; da Delegaçao Rexional do Norte, do Eures Transfronteirizo (Servizo Europeo de Emprego) e da AECT.

Neste grupo de traballo preténdese deseñar o Estatuto Transfronteirizo, un documento afectará unhas 15.000 persoas traballadoras que cruzan diariamente a fronteira en ambos os sentidos polo seu emprego, a pesar do cal non foi convidada a CIG. Neste sentido, os obxectivos do Estatuto pasan por facilitar a circulación e o exercicio dos dereitos das empregadas que residan ou traballen en territorios fronteirizos. 

Este documento busca estabelecer unha definición común e consensuada da figura da traballadora transfronteiriza, que sexa a única válida en termos laborais, de fiscalidade e de seguridade social, e delimitar o seu ámbito de aplicación, así como a relación laboral entre traballadora e empresaria.

O Estatuto debe contemplar tamén cuestións relativas a dereito laboral e condicións de traballo, fiscalidade, Seguridade Social, xubilación e prestacións, así como melloras sociais ou cuestións de organización e intercambio de información entre os organismos implicados.

En definitiva, segundo recalcou a delegación do Goberno galego, trátase de elaborar unha "carta de dereitos e deberes" destas traballadoras para evitar que estean en desvantaxe ou ter dificultades con respecto ás que desempeñan o seu labor no seu país de residencia.

Comentarios