Opinión

Isto non é un laio

Asistimos, indignadas, asombradas e rebotadas, a un desequilibro histórico de gran alcance. A avaricia desmedida dos que manexan o capital descontrolaron xogando ao Monopol con diñeiro virtual, que logo recuperou a forma concreta nas hipotecas e contas bancarias. O edificio capitalista veuse abaixo e nesa descomposición expandiu a ruína e a crise económica. Un momento idóneo para debilitarse e morrer de éxito!! Pois non.

Asistimos, indignadas, asombradas e rebotadas, a un desequilibro histórico de gran alcance. A avaricia desmedida dos que manexan o capital descontrolaron xogando ao Monopol con diñeiro virtual, que logo recuperou a forma concreta nas hipotecas e contas bancarias. O edificio capitalista veuse abaixo e nesa descomposición expandiu a ruína e a crise económica. Un momento idóneo para debilitarse e morrer de éxito!! Pois non. Pola contra, cun descaro indignante, vaise recuperar facendo que a cidadanía, comezando pola que ten menos ( non é cousa de contrariar os ricos que son os que manteñen o “tinglado”), pague as consecuencias. E obrigan os Estados (ben se demostra que son títeres do capital) a sacrificarse para que o capitalismo se recupere. Os mandos ordenan “facer os deberes”! Que descaro! E a poboación traballadora que é a produtora da riqueza recolle velas. A cidadanía con tanto pensamento brando perdeu folgos.

Ben que nos custou botar abaixo a dictadura e conseguir a democracia e o estado de benestar. Canto nos afanamos as feministas para conseguir dereitos e unhas leis para defendelos! Ano tras ano na coia para a arrancar das adegas conservadoras, relixiosas e reaccionarias os costumes e ideas patriarcais. Agora, asistimos á desfeita de todo por decreto, como era de esperar do partido reaccionario votado pola cidadanía. De forma que son plurais as responsabilidades.

Ademais, asistimos anoxadas ao silencio dos partidos, diríamos de esquerdas, que moitas votamos, sobre o quebranto dos dereitos e leis que nos atinxen. No Parlamento galego calan ante unha Lei de Familia que, ademais de rebaixarnos a úteros procreadores, é contraria á Lei de Igualdade, aínda vixente. Ningunha proposta para recorrela.

Rubalcaba fala do conseguido polo goberno socialista en relación coa Educación e a Sanidade, pero das leis que favoreceron as mulleres, nin se lembra.

As mulleres non só padecemos con prioridade a crise, senón o desleixo político e a indiferencia cidadá.

Porén, isto non é un laio. As feministas non cedemos.

Comentarios