EUROPA

Comeza a campaña polo “Si” á independencia de Escocia

O goberno escocés prevé un referendo pola soberanía do país en 2014
Pintada a prol da liberdade de Escocia
photo_camera Pintada a prol da liberdade de Escocia

A finais de 2014 Europa podería contar cun novo estado independente, Escocia, cuxo goberno, presidido polo nacionalista Alex Salmond, prevé convocar para o outono dese ano un referendo pola independencia. De feito, no presente mes de maio, e unha vez pasadas as eleccións locais que terán lugar estes días, arrancará unha ampla e prolongada campaña a prol do “Si” á independencia nesa consulta á cidadanía. Unha campaña en que tomarán parte, segundo ten relatado o propio presidente escocés, non só organizacións políticas (nomeadamente o SNP, que goberna Escocia cunha cómoda maioría absoluta desde os comicios de 2011) mais tamén sindicatos, colectivos cidadáns, organismos culturais e ambientais para alén dunha ampla rede a favor da independencia que se está a construír en barrios e vilas.

A principios de 2012 Salmond anunciou que o goberno que preside ía celebrar unha consulta sobre a independencia de Escocia, país que forma parte do Reino Unido desde 1707, coa sinatura da “Act of Union”. A resposta do executivo británico foi (para o que se coce nestes pagos do Estado español) abraiante: recoñeceu a lexitimidade d@s escoces@s para decidir o seu futuro amosando respecto pola convocatoria, aínda que emprazou o pobo escocés a negociar a data e os prazos de celebración do referendo, alén das condicións e contidos da pregunta formulada nel.

 Nestes puntos é onde se centra o debate no Reino Unido, sen caer en demonizacións e crispacións (que as hai, mais moi afastadas da situación con que nos atopariamos no Estado español). Así, o goberno inglés é partidario de realizar o referendo en 2013 e máis de reducir a propia consulta á cidadanía de Escocia a dúas opcións: ou independencia ou continuar a formar parte do Reino Unido. O executivo escocés, pola súa banda, avoga por un referendo celebrado en 2014 (coincidindo co 700 aniversario da Batalla de Bannoockburn, en que ao máis puro estilo “Braveheart” a poboación do país celta derrotou o exército inglés) e que na papeleta haxa tres alternativas: conservar o “status quo” (isto é, continuar a formar parte de Gran Bretaña), acadar a independencia ou optar polo “Devo-max” (aumento notábel das competencias de autogoberno).

 O experto británico en sondaxes John Curticer afirmou na BBC que nos diversos inquéritos que se desenvolven nestes meses constátase que o apoio á independencia é secundado por unha porcentaxe da poboación que oscila entre o 32 e o 38% dos escoceses e escocesas, entrementres un 57% estaría en contra. Con todo, a maioría da cidadanía escocesa demandaría un aumento do autogoberno e soberanía (sen que isto implique romper co Estado brintánico). 

Comentarios