A sinistralidade laboral na Galiza ten un custo de máis de mil millóns de euros

A sinistralidade laboral na Galiza tivo en 2010 un custo económico directo de 1.050 millóns de euros, segundo recolle un estudo elaborado por CCOO.

Nesa «elevadísima» cifra inclúense gastos de pólizas de seguro, indemnizacións, gastos sanitarios, o importe de posíbeis sancións ou recarga por falta de medidas de seguridade e hixiene, gastos en servizos xurídicos, perdas materiais ou substitucións de persoal.

Con todo, desde o sindicato aclaran que a esta cifra habería que engadir tamén «importantes» custos indirectos, como os salariais -tempo de traballo efectivamente pagado mais non traballado por mor do accidente-, o prezo do material danado -se for o caso-, custos de tempo da administración -investigación, informes e outras xestións-, perdas de produción para a empresa, outros custos non cubertos por seguros, a alteración do clima social na empresa e deterioración das relacións laborais e, finalmente, custos comerciais e de imaxe.

 Así as cousas, desde CCOO denuncian que as políticas que se viñan aplicando, consensuadas cos axentes sociais, corren agora o risco de retrocederen a causa da «substancial política de recortes», que só na Galiza provocou unha mingua de sete millóns de euros para loitar contra os accidentes no traballo.

Comentarios