XUSTIZA

Jorquera rexeita o pacto que o xenro de El-Rey mendiga coa fiscalía

O voceiro do BNG no Congreso e candidato á Xunta oponse ao acordo que Iñaki Urdangarín procura para evitar o xuízo, o cárcere e danar a imaxe da monarquía española. Reclama que a investigación do caso continúe, ''salpique a quen salpicar''

O voceiro do BNG no Congreso d@s Deputad@s e candidato á Xunta por esta formación política, Francisco Jorquera, opúxose de maneira taxativa a un acordo xudicial para o xenro de El-Rey, Iñaki Urdangarín, e demandou que as investigacións continúen, "salpiquen a quen salpicar". O caso en que está imputado Urdangarín deu un xiro nos últimos días, en que pasou de proclamar a inocencia a arrepentirse para evitar o cárcere e o xuízo. Un avogado personado na causa advertíralle xa de que "as súas alternativas son 15 días no banco d@s acusad@s e o espectáculo perante a masa de xornalistas; ou pactar, pagar, confesar e evitar un xuízo que afectará á imaxe da Coroa", tal e como informou a prensa española.

Así, semella que é este último o vieiro escollido, e Urdangarín mendiga agora un pacto de conformidade coa Fiscalía que implicará declararse culpábel, devolver os fondos malversados --cando menos a metade, 1,7 millóns, pois a outra metade tería que devolvela o seu ex socio, Diego Torres-- e eludir unha pena de máis de dous anos que implicaría o seu ingreso en prisión.

Segundo os medios de Madrid, os indicios compilados polo xuíz e polo fiscal, os testemuños dun arrepentido José Luis Ballester --ex cargo do PP e amigo persoal das fillas e do fillo de El-Rey-- e as versións do resto de persoas imputadas botan por terra as teses do duque de Palma sobre o negocio sen ánimo de lucro que el di que mantiña no Instituto Nóos --en que Urdangarín tiña responsabilidades na xestión e na administración dos fondos--, a través do que logrou 10 millóns en cartos públicos.

Esa intención de parar as investigacións para evitar danar a imaxe da familia real española non convence no BNG. "Se a Xustiza debe ser igual para tod@s non pode haber manobras que impidan que siga este proceso", manifestou Jorquera, quen rexeitou, en nome da formación frontista, calquera medida que poña a cambadela a unha investigación en marcha, que non debe fechar "até que se aclare absolutamente todo e se depuren responsabilidades".

Comentarios