Opinión

O 25 de abril máis presente ca nunca

Portugal vén de conmemorar os 38 anos da Revolución dos Cravos, cando o Movemento das Forzas Armadas e o pobo saíron á rúa un 25 de abril de 1974 para derrubar a ditadura fascista máis lonxeva de Europa dirixida naquel momento por Marcelo Caetano.

Portugal vén de conmemorar os 38 anos da Revolución dos Cravos, cando o Movemento das Forzas Armadas e o pobo saíron á rúa un 25 de abril de 1974 para derrubar a ditadura fascista máis lonxeva de Europa dirixida naquel momento por Marcelo Caetano.

Ao longo destes anos a comemoración tivo os seus altos e baixos relacionados co nivel de tensión e reivindicación política e social existente no país en cada momento, e fronte ás diversas tentativas de baleirar de contido político o Día da Liberdade as conmemoracións populares sempre tentaron nas súas actividades manter viva a memoria do feito histórico trascendental que supuxo o derrubamento da ditadura e a conquista das liberdades, unha conquista que non foi froito da decisión adoptada un día por un amplo grupo de oficiais senón que ese foi o último chanzo dun longo camiño cheo de episodios de heroísmo protagonizados por homes e mulleres, moitas veces anónimos, que en 48 anos de ditadura nunca deixaron de loitar polos seus dereitos.

Pero este 25 de abril de 2012 é diferente dado que esa liberdade é vista polos portugueses como menor da que tiñan en 2011 ou en 2010, pois Portugal leva xa algo máis dun ano coa bota da ditadura tentando de novo aplastar ao pobo. Hai quen pode considerar esaxerada a comparación entre o fascismo do Estado Novo dos tempos de Salazar e Caetano e a troika formada pola Unión Europea o Banco Central Europeo e o Fondo Monetario Internacional, pero á hora da verdade a situación actual de Portugal en moitos aspectos aseméllase máis á que tiña o país antes de que ás 0:20 h. da madrugada do dia 25 de abril de 1974 Grândola, vila morena soara no programa Limite da Rádio Renascença como sinal do inicio do operativo militar deseñado polo Movemento das Forzas Armadas que á situación dunha democracia do século XXI. Non poder decidir sobre a súa economía, degradación progresiva das condicións de traballo, eliminación de dereitos socias ou empobrecemento xeralizado nunha sociedade que estruturalmente sempre tivo unhas diferenzas sociais moi acusadas son só algúns exemplos do que está a acontecer hoxe alén Miño.

Pero sendo difícil a situación o pobo portugués está a amosar unha forte capacidade de resistencia confiante en que se hai 48 anos foi quen de abrir a porta á liberdade tamén desta vez a loita pode facer mudar a situación para mellor. O lema das conmemoracións populares do 25 de abril 2012 no Porto amosa a confianza en que van ser quen de facelo: “CONFIANÇA NA LUTA: Liberdade, Direitos e Soberania Nacional. Das lutas nascerão de novo os dias transformando tristeza en alegrias”

Comentarios