Opinión

Conciencia nacional para sermos nós

A nación galega afirmase nos trazos e características propias e na reivindicación e vontade de acadar a plena soberanía política. A nosa historia dá conta do proceso colonizador mediante distintos métodos e formas represivas, cuxo propósito é sempre borrar a nosa identidade e vontade nacional para que Galiza permaneza ao servizo de intereses alleos, centralistas e imperialistas. O Estado Español é a construción da oligarquía española, asentado no sometemento das nacións periféricas, mediante unhas estruturas de poder represivas e reaccionarias e un poder político centralista, sustentado en organizacións políticas españolistas, independentemente da súa adscrición ideolóxica. Por iso, o proceso de fortalecemento da conciencia nacional é imprescindíbel para a consecución dunha Galiza de seu. O obxectivo ten que ser que a maioría social asuma que o futuro e benestar social na Galiza está asociado a termos plenos dereitos políticos, a responsabilizarnos do noso futuro e a sermos donos dos nosos recursos e riqueza para, así, satisfacer as nosas necesidades en beneficio do conxunto da sociedade.

Produto da nosa dependencia, da negación da nosa identidade nacional, foise inoculando a falacia de sermos unha nación subsidiada e incapaz de construír o seu propio futuro, cando a realidade demostra todo o contrario. O sometemento político, a opresión económica e cultural, é dicir, o noso rol colonial fai que continúen apropiándose do noso excedente económico, saqueen os nosos recursos naturais, usurpen o noso aforro, nos condenen a emigrar, persigan a nosa lingua e anulen a nosa cultura. Mais, tamén, supón que teñamos uns dos salarios máis baixos do Estado, as segundas pensións máis reducidas, que exportemos máis do 30% da electricidade e se nos impida ter unha tarifa propia, sigamos co devalo poboacional, se destrúa a nosa base produtiva e se desmantele o tecido industrial.

A presencia e uso dos nosos símbolos como algo natural e masivo será indicativo do avance da conciencia nacional e das ansias de liberdade do noso Pobo

A baixa estima colectiva impídenos recoñecer as nosas virtudes e potencialidades e trasladalas á reivindicación política, alimentada por un goberno galego que observa perigosa toda acción ou proposta que se asente, reforce ou simbolice a nosa condición de nación, na medida en que entra en colisión cos seus principios ideolóxicos, alicerzados na total subordinación política de Galiza aos intereses españois. O sentimento subxacente de moitas e moitos galegos de pertenza a unha colectividade nacional precisa desterrar os complexos e prexuízos inoculados, acreditar nas nosas capacidades e afirmarse nos nosos símbolos e sinais de identidade para transformarse en conciencia nacional. O exercicio do dereito á autodeterminación é un proceso dialéctico, resultado da toma de conciencia nacional e da loita política permanente do pobo para acadar a plena soberanía nacional. Trátase de asumir conscientemente que necesitamos poder político propio para exercer como nación soberana e acadar a transformación social que constrúa unha Galiza máis igualitaria, xusta e libre.

Acrecentar a conciencia nacional para sermos nós é o que moveu a Vía Galega a emprender a campaña para popularizar e divulgar os nosos símbolos nacionais, o himno e a bandeira, e modificar a Lei de Símbolos de Galiza co propósito de restituír o noso himno conforme ao texto orixinal do poema "Os pinos" de Eduardo Pondal. Dentro desta campaña destacar a iniciativa programada do 14 ao 19 de novembro que, coincidindo cos 124 anos da I Asemblea Nacionalista Galega, consistirá en exhibir e exaltar a nosa bandeira. Trátase de que durante estes días se engalane ou se coloquen bandeiras nas fiestras, varandas e noutros espazos por todo o País. O día 19 de novembro, ás 11.30 horas, levarase a cabo unha acción expansiva por toda Galiza. Consistirá en actos simultáneos, en diferentes localidades, para izar ou situar a bandeira galega nun lugar vistoso e coa intención de que se manteña para sempre.

Queremos andar o camiño para que en todo acto, festa ou verbena a bandeira galega sexa a única que se mostre e se expoña. A presencia e uso dos nosos símbolos como algo natural e masivo será indicativo do avance da conciencia nacional e das ansias de liberdade do noso Pobo.

Comentarios