The Wolfe Tones, mítico grupo irlandés, denunciaba no retrouso dunha súa célebre canción como no seu país sometido "só os nosos ríos corren libres". Aquí, na Galiza, nin iso. Nin o noso vento, nin o noso mar, nin os nosos ríos, nin as nosas rías, nin a nosa terra son nosos. Xa non sei se fica algún regato que poida correr libre. Pobre río Ulla.
Altri é novo exemplo de ameaza seguindo o máis puro estilo colonial. UE e España patrocinan. A Xunta, no seu xa clásico e triste papel político de auténtico virreinato, fai o traballo sucio, o que lle mandan. Recursos e riqueza do país ao servizo dos de fóra. Esa é a modernidade e a "Galicia que funciona". Que é o que lles fai falta desta vez? Auga, terra, eucaliptos e man de obra (escasa) barata e explotada? Por suposto, aquí temos disto de abondo e podemos ter aínda máis. Temos experiencia. Porque é a historia deste país nos últimos séculos.
Será por cartos. Iso si, cartos públicos, que no canto de iren destinados ao impulso dun desenvolvemento industrial racional, autocentrado e ao servizo do país, van ao proxecto dun grupo empresarial portugués que non queren en Portugal. Por iso veñen aquí. Non é por altruísmo nin por caridade cristiá. Non veñen ofrecer emprego nin coidar do noso medio ambiente. Non. Veñen aquí porque alá non os queren e aquí danlles cartos, teñen gobernos amigos, eucaliptos e auga do río Ulla. Vaia concepto de economía circular. Isto é o que representa Altri e a súa celulosa, mais tamén a eólica mariña que pretende implantar no noso mar, que tampouco é noso.
Aclarémonos. Non se trata só dun risco ambiental ou que afecte ao medio natural. Iso tamén. Mais en rigor, é un problema colonial. Trátase de extraer beneficio do espolio dun país, condenando neste caso á alteración física da súa fisionomía por décadas e hipotecando o seu presente e o seu futuro. Sacrificando a cambio de nada economía, potencial produtivo, sociedade, patrimonio e medio ambiente. Até o sumidoiro da ría de Arousa lles proporcionan. Consideran e tratan á Galiza como dominio colonial.
Mais como din agora, aquí hai partido. Intento de implantar Altri (ou eólica mariña nos caladoiros pesqueiros) e resposta do pobo, en defensa propia e dun futuro digno. Por unha parte, un poderoso grupo empresarial con intereses do capital español e galego intermediario, con bo paraugas mediático e amparo político-institucional. E da banda de aquí, un pobo que ten demostrado saber loitar polo seu. Só coas súas mans e coa ferramenta nacionalista, como sempre fixo.
Confío no meu pobo. Na xente do mar e na do interior. Sei das súas contradicións, das súas derrotas e vitorias, mais tamén da súa bravura e da súa capacidade. É tempo de demostralo.
PD: Cada día son máis pro-Adega. Hai famosas organizacións ecoloxistas (non galegas) que participan dese discurso "verde" universal, que esquece o que significa a eólica mariña na Galiza, en mans de quen está, a quen beneficia e a quen prexudica. Porén, o ecoloxismo galego afortunadamente marca tendencia. Parabéns.