Opinión

O bufón do Rei

Crónica triste (mais non sorprendente) do pasado 7 de maio. O presidente de Galiza, Alfonso Rueda, desprázase a Madrid e mantén unha reunión con Filipe VI, rei de España, primeira despois de ser proclamado presidente da Xunta. Deixemos fóra o debate sobre se é preciso, lexítimo, procedente ou non o trámite de visitar o monarca, porque é evidente que aos partidos do réxime este protocolo non lles suscita ningunha dúbida. 

Poñámonos daquela no seu lugar. Vai a Madrid, terra de liberdade, e podería ter feito como outros presidentes autonómicos: manter o ritual, sorriso cordial, apertón de mans, falar de vaguidades (necesidade de recuperar o diálogo político, colaboración interinstitucional, etc.), ou mesmo darlle a coñecer problemas, carencias, propostas e necesidades do noso país ao xefe do Estado español.

Pois non. Nada diso. Afonso Rueda Valenzuela (que non por casualidade rima con Zarzuela, espazo palaciego onde por certo mantivo a entrevista) representou a peor das caricaturas sobre os galegos e as galegas, o peor dos tópicos. O papel de bufón real, de "galeguiño" contentando o monarca español: "Maxestade, Galiza será leal á Coroa e á orde da Carta Magna". Outra alfaia: "Galiza encontra a súa razón de ser no marco constitucional e formando parte de España". E o arrebato máis galeguista levouno a definir o noso país como unha "rexión" (si, rexión), que se caracteriza pola "moderación e o sentidiño".

Patético papel o de Alfonso Rueda. O da "lealdade de Galiza á Coroa" resulta especialmente anacrónico e lamentábel. Dáme a impresión que o último que pronunciou algo semellante debeu ser hai uns 500-600 anos, rendéndolle pleitesía aos reis de Castela. Só lle faltou ofrecerlle o dereito de pernada e outros privilexios medievais.

Aí comprobamos a auténtica honestidade do seu perfil galeguista. Si, é o galeguismo dun presidente caracterizado nun Xan das Bolas do século XXI. O galego servil e obediente, nada problemático, que naceu para ser bufón e criado, podendo ser chistoso, para o amo español. O que está disposto a vender a terra en que naceu e o pobo ao que pertence pola gratificación do sorriso compracente do amo dende a metrópole.

Pobre Alfonso Rueda e persoeiros afíns. Tanto exercicio de soberbia e autoritarismo desde o goberno autonómico, tanto desprezo e negación polo propio, polo seu pobo, pola lingua e polas posibilidades de futuro que temos, como docilidade e domesticación polo de fóra. Un galego avergoñado da súa condición. Un colonizado con "sentidiño".

É por iso que non poden ver o nacionalismo, como expresión política de dignidade do pobo galego, que racha con ese tópico falso de resignación submisa que nos impuxeron. Non se trata só de defendermos propostas políticas ou económicas alternativas. Trátase de rachar con ese marco mental dependente.

PD: Falei de Rueda, e podería falar de moitos outros. Mais o realmente importante é que somos un pobo vivo e dinámico, que avanza, e unha nova Galiza, que emerxe. Nela confío. Ah! E Galiza 
non ten rei!

Comentarios