Opinión

Sant Jordi

Os datos do Sant Jordi continúan sendo espectaculares. Tras o baixón da pandemia, segundo os datos de GfK, a consultora que audita semanalmente a venda de libros en España, a facturación do 17 ao 23 de abril de 2023 foi en Catalunya de 23,7 millóns de euros e 1,45 millóns de exemplares, dun catálogo de 80.600 títulos, dos que case dez millóns de euros (40%) corresponden a libros en catalán (apenas o 18% do catálogo), o que expresa unha envexable diversidade lectora e unha posición forte da edición catalá. Vendas realizadas nun 71% na rede de librarías, para a que esta semana supón un terzo da súa facturación anual (máis aínda para as pequenas), concentrándose nun 44% nas novidades lanzadas no ano, supoñendo os títulos de ficción 37%, non ficción 30% e infantil e xuvenil 26%. Cifras ás que se engade a venda de máis de 5 millóns de rosas, segundo o gremio de floristas, nunha xornada de exaltación da lectura, o amor e a identidade catalá, celebrada dende 1929 (coincidindo coa Exposición Universal de Barcelona) e declarada pola Unesco en 1995 como día mundial do libro e dos dereitos de autor.

Transformada hoxe en semana das letras e da lectura, con grande presenza nos centros escolares, veciñais e culturais, o Sant Jordi é unha institución cultural consolidada, á que dende Galicia ollamos con envexa, pola impresionante capacidade mobilizadora interxeracional da fórmula "libro e rosa" (factúrase en catalán nunha semana o que o libro galego en todo un ano) como pola atención que os medios proporcionan á súa programación. Estratexia de éxito que en Galicia a Federación de Librarías, apoiada polo resto de subsectores do libro e da lectura, podería volver ensaiar saíndo con entusiasmo á rúa o 17 de maio ou o 23 de febreiro, con fórmulas de sedución propias como a do "libro e flor (de toxo ou caravel...)" ou a miña preferida, "libro e molete de pan" (en colaboración coa Federación de Panadarías de Galicia (Fegapan), como xa se fai na Praza dos libros de Carballo. 

Comentarios