Opinión

"Se queres..."

Pasado o Día do Cómic (17 de marzo) e ás portas dos días internacionais da Poesía (21) e do Teatro (27), celebramos hoxe o Día da Narración Oral, data mundial nacida en Suecia (1991) coa que, coincidindo co equinoccio de primavera, as narradoras orais festexan contando contos a súa profesión, arte e oficio. Organizada en Galicia polos festivais Atlántica e Sete Falares e polo Colectivo Narración Oral Galega, ao longo desta xornada de festa da oralidade desenvolveranse unha chea de funcións en todo o país en bibliotecas, teatros, colexios, centros culturais, residencias de maiores, hospitais ou cárceres coa intención de poñer de relevo o valor inmortal de contar un conto. Un día no que, como salienta Paula Carballeira, redactora do moi fermoso manifesto "Se queres...", estamos convocados todos a regalar boas historias e contalas de xeito que "pareza murmuran na orella xusto o que precisamos para sorrir, coller folgos e asentarnos no mundo e cambialo".

Un día para contar a vida coa nosa voz, tamén coa ollada e xestos nosos, mais tamén coa disposición e a empatía de escoitar, abraiarse e sorprenderse cos nobelos dos relatos doutros afáns e pareceres, para celebrar esoutro tesouro da nosa lingua e continuar construíndo memoria e identidade. Lémbrao Michèle Petit no seu ensaio máis recente, Os libros e a beleza (Kalandraka 2024), en excelente tradución de Isabel Soto: "O utilitario nunca nos basta. Quizais sexamos ante todo animais poéticos, posto que os seres humanos levamos máis de 40.000 anos creando obras de arte, moito antes de inventarmos a moeda ou a agricultura". Iso celebramos hogano, o prodixio de contarmos e escoitarmos para dominar a estrañeza da vida e da morte, para procurar a verdade que aniña na cerna do relato. Sabíao o noso amigo Xabier DoCampo: "O acto de amor máis sublime que coñezo é contar unha historia". Velaí o que festexamos, o amor pola narración tradicional, o amor polo desexo da ficción, o amor polo desexo de contar historias.   

Comentarios